A ferramenta Perfilempleo para atopar traballo co móbil obtivo 50.000 descargas en dous meses

mércores, 18 de setembro do 2013 Redacción

Os responsábeis de Perfilempleo, a app que permite buscar emprego dende o móbil da que falamos en Código Cero o pasado mes de xullo, veñen de facer reconto do acadado pola aplicación en materia de descargas e uso. Pois ben, a ferramenta en cuestión semella ter acadado boas cifras nos dous parámetros, o que confirma dúas cousas: o bo estado de saúde do desenvolvemento de recursos para smartphones e tablets e, por outra banda, o interese dunha boa parte da poboación española de botar man das TIC para deixar atrás unha situación de crise laboral da que, agardamos, sexa posíbel saír canto antes. En total, a aplicación foi descargada por máis de 50.000 persoas en menos de dous meses e a web Perfilempleo conseguiu xa máis de 600.000 rexistros.
Por certo que firma española afirma que a única vía de publicidade coa que conta para a dita ferramenta móbil, dispoñíbel para Android e iPhone, é o boca a boca da propia xente, que consegue entrevistas e emprego a través da mesma. Como principal vantaxe, os responsábeis destes recursos aseguran a todas as empresas que se non atopan o candidato ideal para o posto de emprego ofertado, comprométese a promocionalo, xestionalo e atopalo sen ningún tipo de custo, permitindo ás empresas poder estar completamente seguras de obter os mellores resultados posibles a un custo moi inferior ao habitual ofertado pola competencia.

PUBLICIDADE