A fenda dixital entre cidades e rural mantense, segundo a UE

martes, 22 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Entre o rural e as cidades hai algo máis ca distancia física. Haina de acceso ó coñecemento, se cadra tan preocupante, ou máis, cá primeira. Dito doutro xeito e para que se entenda: nas aldeas, o esforzo por chegar á información é moito máis grande, e sen que haxa maneira de asegurar un bo resultado. Esta situación mantense, malia os pasos que se están a dar dende os organismos públicos en acceso e dinamización. E así o vén de certificar a Comisión Europea, que vén de presentar unha investigación na que se constata o mantemento da fenda dixital entre espazos urbanos e rurais (máis difícil de encher ca calquera fenda física), que é –a fin de contas- a nova face dunha desigualdade de séculos.
O informe, reflectido por Vieiros, certifica tamén que na Unión Europea hai aínda unha alta porcentaxe de poboación (o 40%) que non só está fóra da Sociedade do Coñecemento, senón que teñen moi poucas posibilidades de acceder algunha vez a ela.
Neste punto, Romanía é o país que máis sae perdendo, cun 69% dos seus habitantes sen opción de traballar, formarse ou comunicarse vía Internet. No outro extremo temos ós países nórdicos (en Dinamarca rexistrouse unha taxa do 13%).
No informe tamén se dá conta da porcentaxe de servizos públicos da Unión Europea que teñen web e recursos abondos como para seren empregados polos cidadáns. A taxa neste senso é do 60%. Segundo a Comisión, estes e outros datos -relativamente positivos- serven para amosar que os pasos que se están a dar na promoción da Rede e as súas vantaxes non foron cen por cen de balde, malia que aínda fica camiño por percorrer.
En contra do que se poida pensar, os países onde a fenda é máis ampla e fonda non coinciden punto por punto cos acabados de chegar, principalmente os da Europa do leste. No ranking presentado pola UE, mesmo atopamos a algún suposto peso pesado:
Grecia, Eslovaquia, Letonia, Italia, Polonia, Lituania e Alemaña. O caso deste último é ben curioso, xa que a banda larga ten un 94% de cobertura que cae até unha taxa do 58% fóra das cidades.
Na imaxe, a aldea de Visuña na comarca do Courel, vista en Flickr.

PUBLICIDADE