A feira solidaria Xogando con Tecnoloxía fará escala en Lugo

luns, 21 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

As feiras de videoxogos comezan a botar rodas e a ser cada vez máis solidarias. Nesta liña de mobilidade é onde se sitúa o proxecto Xogando con Tecnoloxía que vén da man da Asociación de Usuarios de PC, Internet, Videoxogos e Arcade (ASUPIVA) e co que se pretende facer fincapé, a través de feiras e de encontros nalgunhas das principais cidades españolas, nas moitas vantaxes de lecer e de comunicación que poñen en xogo (e nunca mellor dito) estes recursos. Asemade, quérese propiciar un uso máis sostible dos mesmos e, sobre todo, máis universal. A faciana móbil desta iniciativa, que conta por enteiro co patrocinio da Fundación Ecolec (entre outras entidades), fará escala en Lugo nas vindeiras semanas. A xira comezou esta fin de semana pasada cunha feira en Cáceres, onde se deu acubillo a unha máis que completa listaxe de torneos ligados aos videoxogos.
A idea é seguir logo por León (do 26 ao 28 de xuño), Alacante, Ávila, Lugo, Tenerife, As Palmas, Santander, Murcia, Sevilla e Madrid. Nesta última cidade celebrarase a final do Open de España de videoxogos deportivos. As visitas e as competicións e relatorios que estas inclúen complementaranse con actividades de divulgación sobre as vantaxes (para o medio natural e para os usuarios) de reciclar os aparellos electrónicos ligados ao lecer dixital, informando polo miúdo dos puntos limpos que se achegan. Amais de todo isto, durante as feiras habilitaranse unha serie de emprazamentos de reciclaxe onde se poderán depositiar pequenos aparellos domésticos, como PCs, impresoras ou móbiles. A idea, a maiores, é acadar que unha boa parte da actividade ecolóxica e sostible amosada nas feiras sirva para doar aos hospitais videoconsolas e xogos educativos.

PUBLICIDADE