A feira Pont-Up Store quece motores cun completo programa de actividades e 40 emprendementos

martes, 21 de setembro do 2021 S. P.

Este 21 de setembro presentáronse en Pontevedra os detalles da nova edición da feira local de emprendemento innovador Pont-Up Store, que abrirá as súas portas este venres 24 na praza de España da cidade do Lérez, mostrando até o sábado seguinte “todas as propostas de mercado que non puidemos coñecer na pasada edición”, por mor da COVID, e unha ducia de novas empresas a maiores que tiveron a afouteza de iniciar a súa andaina en plena crise pandémica.
En total presentaranse 40 empresas que destacan pola innovación e a creatividade das súas propostas; o que se acompañará dunha completa programación de actividades (presentacións, obradoiros, demostracións, charlas) arredor da cultura emprendedora e, por primeira vez, un espazo virtual denominado dixital_pontup, que “permitirá vivir o encontro e acceder aos stands de xeito en liña, e que continuará activo máis alá do evento”, informaron os participantes na presentación celebrada este martes 21.
O programa foi dado a coñecer no Teatro Principal de Pontevedra coa participación da concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco Rial; o tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, Tino Fernández González; o deputado provincial de Economía, Carlos López Font; o vicerreitor do Campus de Pontevedra da UVigo, Jorge Soto Carballo; e o director do encontro, Pedro Figueroa Dorrego, que comezou a súa intervención salientando “a principal novidade desta edición”, que é o devandito espazo dixital_pontup, que “supón un paso de xigante e unha aposta de futuro para o traballo da comunidade emprendedora galega”. Consiste, engadiu, nunha aplicación desenvolvida por Xeométrica (empresa participante na segunda edición do Pont-Up Store e que na actualidade pertence ao Grupo Coterena), que foi posíbel grazas á achega de 6.000 euros por parte da Concellaría de Promoción Económica de Pontevedra.
Segundo subliñou Figueroa, “tras un ano tan complicado para os emprendementos como foi 2020, estes novos tempos obrigáronnos a repensar e innovar para xerar dinámicas positivas que motiven e axuden a visualizar ás novas persoas emprendedoras”. Figueroa engadiu que o espazo dixital_pontup permitirá, entre outras cuestións, contar cunha programación propia durante todo o ano para a realización de foros, xuntanzas, intercambios de experiencias ou actividades sectoriais dedicadas ao novo emprendemento; a integración no aplicativo dunha zona de exposicións destinada a navegar por stands virtuais e interactivos que conterán os proxectos de emprendemento seleccionados na edición e que “permitirá visualizar unha recreación dixital e interactiva da súa tenda, contactar en tempo real por medio de videochamadas ou efectuar compras; incrementar a visibilidade e difusión dos proxectos e os patrocinadores en cada evento ou actividade; e integrar no aplicativo unha zona virtual para presentar os relatorios, mesas redondas e outras actividades grupais que acontezan no evento ou ben aquelas que se poderían celebrar durante todo o ano e dedicadas a sectores concretos (alimentación, tecnoloxía, cultura, lecer…)”.
Máis mulleres
O director do Pont-Up Store tamén destacou que esta edición do Pont-Up estará “claramente liderada polo emprendemento feminino, que supón un 55% das empresas que van dar a coñecer as súas iniciativas”, e tamén é “decididamente sustentábel con case un 100% das iniciativas aplicando criterios de respecto ao medio ambiente de forma transversal ou como sinal de identidade”. Ademais, dixo, “constátase o crecemento do emprendemento radicado en vilas e aldeas que supón xa un 40%, fronte o 60% que se asenta nas cidades, e, entre estas últimas, Vigo é o polo emprendedor por excelencia dentro da provincia de Pontevedra que protagoniza o 50% das iniciativas”.
Un fervedoiro de emprendementos
En total van participar nesta edición 40 startups galegas; 35 serán empresas cun emprazamento de seu, e outras 5 empresas desenvolverán actividades demostrativas na carpa. Entre elas hai un grupo de 12 empresas con negocio de nova implantación neste contexto actual de pandemia e unha que recunca no encontro grazas ás innovacións aplicadas na xestión e produción da empresa. Entre as empresas seleccionadas ao abeiro desta convocatoria salientan (entre outras) as propostas tecnolóxicas Evourbe, que vai presentar un sistema intelixente de xestión de estacionamento que nace co obxectivo de revolucionar o estacionamento nas cidades, ou Vi&Go, que lanza un proxecto de mobilidade sustentábel mediante subscrición de motos eléctricas e intelixentes e un sistema de carga de baterías.
Tamén estarán presentes iniciativas tan sobranceiras como Benestar Market, un espazo online onde comprar produtos naturais, sustentábeis e zero waste; SmartWood, unha ferramenta orientada á mellora da produtividade e o rendemento das explotacións agrícolas e forestais; Weet Energy & Telecom, unha contribución innovadora para crear novos xeitos de abastecemento eléctrico; ou I+ADN, consultora de innovación.

PUBLICIDADE