A federación nacional de software libre oferta formación e emprego para 90 tituladas/os

martes, 28 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

A federación nunha das súas asembleas recentes

A federación de asociacións españolas de software libre (ASOLIF), da que forma parte a galega AGASOL, vai comezar en breve unha xeira por todo o territorio estatal no camiño de informar sobre as vantaxes da programación aberta na construción da Rede e, tamén, no vieiro de favorecer a posta en xogo de novos postos de traballo ao abeiro desta actividade. Segundo conta Mancomún, do que se trata é de formar e empregar a 90 profesionais en desenvolvemento web en software libre. Este é o miolo do proxecto OpenJob, que se dirixe sobre todo a titulados superiores ou universitarios en informática e/ou telecomunicacións, ou ben noutras especialidades que abrangan coñecementos en programación. De remataren o curso de xeito satisfactorio, informa ASOLIF, os titulados terán ao alcance da man a opción de integrarse no seo das empresas de ASOLIF.
A idea de todo isto é achegar oportunidades de traballo acordes coa formación universitaria recibida ao tempo que se promove o uso do software libre a tódolos niveis.
Os cursos desenvolveranse durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo de maneira presencial nas seguintes cidades: Vitoria, Bilbao, Pamplona, A Coruña, Valladolid e Málaga. Impartirase formación específica en ferramentas e metodoloxías de xestión e desenvolvemento que se empregan nas empresas de ASOLIF. A duración dos cursos serán un total de 275 horas distribuídas en clases de 7 horas diarias (mañá e tarde). Admitiranse un total de 90 alumnos (15 por curso) a través dun proceso de escolma que se realizará durante este mes de decembro. Segundo engade Mancomún, ASOLIF conta co compromiso co Ministerio de Traballo para que os demandantes que superen o curso dispoñan dunha oferta de emprego en empresas da federación de xeito prioritario. O prazo para enviar as solicitudes de asistencia rematan o 30 de decembro. Os enderezos para realizar a achega de datos figuran xa na web de ASOLIF.

PUBLICIDADE