A federación mundial de consumidores inclúe a Microsoft nos seus premios ás peores empresas

xoves, 10 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

Galardóns ao mellor traballo desenvolvido hai moitos, pero se cadra non abundan tanto os premios á inversa, os que recoñecemento un labor mal feito, en parte porque unha boa parte dos certames en positivo que existen teñen intereses en xogo e en parte porque a práctica de procurase inimigos non sempre é unha práctica sa. Tampouco deixa de ser curioso que haxa empresas, institucións ou persoeiros que ao longo dun mesmo ano acaben por ser obxecto de recoñecementos opostos, coma se todo dependese do lado da liña dende o que se esculcan as cousas. Un exemplo disto é Microsoft, empresa TIC de renome, responsable de desenvolvementos tan espallados como o Windows, e que, casualmente, vén de figurar entre os galardoados (pdf) dos Consumers Internacional, certame dirixido a recoñecer ás “peores empresas do ano”.
Os premios, entregados pola federación global de organizacións de consumidores, salientan “o comportamento irresponsable de algunhas das marcas máis recoñecidas do mundo, dirixindo a atención do público cara ás temáticas que afectaron aos dereitos dos clientes nos 12 meses máis recentes”.
Por certo que este ano empréstase especial atención ao respecto polo medio ambiente dende o eido corporativo, coincidindo a celebración destes premios coas reunións que se están a levar a cabo en Copenhague. De feito, informa CI, a edición 2009 dos galardóns estase a centrar única e exclusivamente no “lavado verde” que practican as multinacionais. Ou sexa: a teima dalgunhas empresas de facer pasar os seus produtos e estratexias como favorables coa natureza. Por certo que amais de Microsoft, que a xuízo da organización non salienta especialmente neste último punto no que se refire ao lanzamento do sistema operativo Windows 7 (que anima, sostén a plataforma, á adquisición de computadoras novas), hai unha serie de grandes empresas que tampouco fixeron un labor destacable en cumprir coas súas políticas de respecto polo medio:
· Audi. Recibe premio por dar a entender que os seus coches diésel son ecolóxicos.
· BP. Por informar do seu interese polas enerxías renovables “sen facer case ningún investimento”.
· EasyJet. Por gabarse de que os seus avións son máis limpos ca un coche híbrido.
· O Co2 é ecolóxico: Premio especial por branquear as emisións de carbono.

PUBLICIDADE