A fabricación dixital, Airbnb e a ciberseguridade centran os novos obradoiros de SmartPEME

martes, 7 de xuño do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPEME, oferta tres novas accións formativas mixtas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros tecnolóxicos para persoas autónomas e pequenas e medianas empresas. As accións tratarán temas como a fabricación dixital con debuxo 3D, a plataforma de aloxamentos Airbnb e a ciberseguridade no sector turismo.
Este martes, 7 de xuño, Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, será o encargado de guiar o taller Fabricación dixital. Debuxo 3D con OnShape V – Assembly I. O curso complementará a formación das semanas anteriores dando a coñecer as tecnoloxías implicadas neste proceso de produción dixital. O obradoiro consta de 50 horas de duración e inclúese no formato mixto, que combina formación en liña (30 horas) e prácticas presenciais no Fab Lab (20 horas) do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro.
Este mércores 8, o obradoiro Airbnb: comercialización en liña de aloxamentos e experiencias estará dedicado a persoas emprendedoras, autónomos e a empresas do sector turístico. Nel falarase de como converternos en anfitrións de aloxamentos e actividades e cales son as condicións e vantaxes de formar parte dunha plataforma dixital como esta. Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas pola Universidade da Coruña, será a encargada de impartir esta acción.
O peche a esta semana de obradoiros pono Ciberseguridade no sector turismo e lecer, unha charla de concienciación destinado as persoas e as empresas do sector turístico/lecer para minimizar riscos e maximizar as medidas de ciberseguridade en contornas dixitais presentes e futuros como o metaverso. Este taller realizase en colaboración co Nodo Galego de Ciberseguridade e iVigo Space, que será o encargado de impartilo a través dos formadores: Ramón Suárez, mentor cibernético e CEO de iVigo.es e Arán Feijoo, consultor en ciberseguridade. Esta actividade celebrarase o xoves 9 de xuño, as 10 da mañá, na sala de actos do segundo andar do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra e, tamén, poderase seguir de maneira telemática mediante Zoom.

PUBLICIDADE