A exposición multimedia de Paz-Andrade fai parada en Xinzo de Limia

mércores, 30 de maio do 2012 Raquel Noya

Presentación oficial da Exposición con motivo do Día das Letras Galegas

Xa comentamos en días pasados, con motivo da chegada da mostra interactiva sobre a vida de Celso Emilio Ferreiro a Ourense, que as novas xeracións de rapaces e rapazas non mostran interese pola cultura ou os contidos educativos, se estes non se presentan en formatos innovadores que boten man das novas tecnoloxías ou permitan interactuar coa información.
Así o entenden tamén dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que decidiron levar a figura de Valentín Paz-Andrade aos centros educativos galegos, a través dunha exposición formada por textos explicativos e audiovisuais que recollen a vida e a obra do autor vigués.
A mostra fai parada, desta volta, no IES Lagoa de Antioquía, de Xinzo de Limia, tras o seu paso por Vilagarcía de Arousa, Vila de Cruces, Mazaricos, Sada e Vigo, co gallo da dedicación do día das Letras Galegas a este autor.
Ata o vindeiro venres, os alumnos e alumnas poderán facer un percorrido polos cinco paneis que recollen a vida e a obra do ensaísta, poeta e empresario vigués. Deste xeito, achégase a alumnos e visitantes todas as facetas deste autor, que ten contribuído ao crecemento cultural, social e económico de Galicia desde diferentes ámbitos. Para iso, cada un dos paneis ofrece vídeos sobre Paz-Andrade, así como anacos de entrevistas a persoas próximas ao escritor e que estudaron a súa obra, como Ramón Villares ou Xosé Luís Méndez Ferrín.
Esta mostra retomará o seu periplo o vindeiro día 4 de xuño, cando “aterre” no IES Xermán Ancochea (A Pobra de Trives). A continuación desprazarase ata o IES Gregorio Fernández (Sarria), onde permanecerá desde o 11 ata o 15 de xuño. A última parada neste primeiro semestre do ano será no CPI Doutor Daniel Monje, de Navia de Suarna, do 15 a o 22 de xuño.
No segundo semestre do ano, a exposición sobre Valentín Paz-Andrade estará nas bibliotecas nodais de Galicia.

PUBLICIDADE