A exposición Galicia, un relato no mundo pode visitarse virtualmente

luns, 13 de abril do 2020 Redacción

A Consellería de Cultura e Turismo lanza unha visita virtual a Galicia, un relato no mundo para achegar os seus contidos a todas as persoas que, debido ao peche do Museo Centro Gaiás, quedaron sen posibilidade de descubrir a exposición de maior éxito da Cidade da Cultura.
A mostra, que estaba previsto manter aberta ata o 12 de abril, non recibe visitas desde o 13 de marzo, día no que a Xunta de Galicia declarou a emerxencia sanitaria, que supuxo o peche dos museos e outras instalacións como medida de precaución fronte o avance da pandemia.
Nestas semanas nas que o Museo permanece pechado, a Cidade da Cultura vén desenvolvendo actividades en liña aproveitando tamén os contidos da exposición, como o programa Aventura no monte das artes, retos didácticos dirixidos á cativada para convidala a desenvolver a súa habelencia creativa.

Visita virtual

Precisamente estes contidos online amplíanse agora co lanzamento dunha visita virtual vía web. Unha ferramenta que ofrecerá a posibilidade de navegar desde o ordenador ou dispositivos móbiles entre as máis de trescentas pezas da exposición e seguir a descubrir abraiantes conexións de Galicia co resto mundo, así como os segredos que rodean xoias como a Biblia Kennicott, a Santa de Asorey ou o Guerreiro de Lesenho.
Ademais, a visita virtual incorporará un ampla variedade de contidos extra para enriquecer a experiencia, como vídeos con explicacións por parte do comisario, Manuel Gago, ou dos técnicos do Servizo de Mediación.

PUBLICIDADE