A experiencia virtual Espazo Coruña da Deputación, exemplo de boas prácticas

martes, 13 de xuño do 2023 S. P.

A experiencia virtual Espazo Coruña da Deputación (Europe Direct A Coruña) vai ser recoñecida como exemplo de boas prácticas na reunión anual de centros Europe Direct que se celebra en Madrid os días 14 e 15 de xuño e na cal será presentada a dita experiencia virtual. O encontro está organizado pola Representación da Comisión Europea en España e nel participan representantes dos 36 centros Europe Direct da rede española.
Espazo Europa é unha experiencia interactiva 3D na que os usuarios poden explorar os símbolos e valores da Unión Europea, así como a importancia da cultura e a ciencia. Ofrece unha experiencia de xogo, inmersiva, innovadora e autónoma para o público, que pode visitar un moderno edificio hiperrealista, inspirado na arquitectura da Europa do futuro, e pasear virtualmente polas catro salas do espazo. Cada unha delas está adicada a unha temática: os símbolos, os valores, a cultura e a ciencia na Unión Europea. Pódese acceder dende a web da institución provincial, que engade que a contorna virtual está deseñada “cunha mistura de tecnoloxías innovadoras 3D e 4D”, dando como resultado un escenario creado dixitalmente para recrear un edificio en tres dimensións e inspirado na Nova Bauhaus Europea, as directrices da Unión Europea para que os espazos de vida e sociais se baseen nos valores de sustentabilidade, estética e inclusión.
Neste espazo 3D atopamos a unha persoa real, unha guía gravada en catro dimensións (4D), que dá a benvida ao visitante e presenta cada unha das salas expositivas. Esta personaxe foi gravada nun escenario virtual que permite a interacción das persoas con contornas que foron creadas de maneira dixital e en 3D. “Esta tecnoloxía fai posíbel recrear a sensación de que a presentadora se atopa fisicamente en Espazo Europa e que pode moverse dentro del e interactuar cos seus elementos”, explican fontes da Deputación, engadindo que Espazo Europa é libremente transitábel para os visitantes, “que terán autonomía para desprazarse, explorar, facer zoom ou rotar a posición”. A maiores, é accesíbel desde todo tipo de dispositivos dixitais.
Os centros Europe Direct son puntos de contacto local que achegan ao público as políticas e valores da Unión Europea. A rede ofrece información sobre asuntos europeos, pero tamén fomenta a participación cidadá contribuíndo así á creación dunha esfera pública europea.

PUBLICIDADE