A ex presidenta de General Electric e Google España fala este mércores en Santiago

mércores, 27 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

Isabel Aguilera, nunha imaxe recente publicada por elmundo.es

A asociación empresarial Ineo celebra este mércores en Santiago a súa asemblea xeral de socios, un acto que ademais de dar acubillo a unha fonda análise do acadado e do que cómpre acadar pola plataforma TIC, servirá como punto de partida para un relatorio de primeira liña: o que virá da man de Isabel Aguilera, ex presidenta de General Electric e de Google en España. A xuntanza, que se celebra no Hotel Os Abetos de Santiago das 16.30 horas en adiante, dará comezo coa asemblea propiamente dita, un cita periódica que servirá entre outras cousas para definir en detalle a estratexia futura de Ineo no eido da promoción tecnolóxica e empresarial do sector galego.
Logo, como dixemos, será a quenda de Isabel Aguilera (aproximadamente a partir das 18.15 horas), unha profesional do eido tecnolóxico-dixital, amais de escritora, que conta cunha experiencia fonda en materia de creación de novos modelos de negocio e máis na optimización, xestión e seguimento de empresas e equipos tirando proveito das últimas tendencias TIC.
Tras a intervención de Isabel Aguilera, informa Ineo, ábrese un coloquio cos asistentes.
Ás 19.00 horas servirase un coctail no que participarán tanto a convidada como os socios da entidade empresarial galega.

PUBLICIDADE