A evolución dixital do noso sector eólico, eixe dunha xornada en Santiago

mércores, 19 de xuño do 2019 Redacción

O presidente da Asociación Eólica de Galicia (EGA), Manuel Pazo Paniagua, participou esta mañá en Santiago nun almorzo da Oficina de Transformación Dixital do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), ao que acudiron, entre outros, o decano do colexio, Oriol Sarmiento Dez, e o delegado da entidade en Santiago, Fernando Blanco Silva. O eixe temático da cita foi a evolución tecnolóxica do sector eólico en Galicia co propósito de “incrementar a súa eficacia e eficiencia”.
O ICOIIG e a EGA coincidiron “na especial importancia de aplicar as novas tecnoloxías de dixitalización e de tratamento de datos na produción eólica, tanto na fase de implantación de novos parques como na optimización da vertedura da enerxía producida á rede eléctrica”.
No almorzo, coa participación de vinte persoas, abordouse tamén a contorna cambiante ao que está sometido o sector eólico, con continuos cambios lexislativos, así como os seus plans de futuro, que pasan pola instalación prevista de centos de aeroxeradores no territorio galego nos vindeiros anos.
124 accións nos vindeiros meses
A actividade deste 19 de xuño en Santiago enmárcanse nun intenso calendario de 124 accións coas que o ICOIIG chegará ás sete principais cidades galegas até o próximo mes de setembro. Todas elas son de acceso libre e de balde para todas as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afondará en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

PUBLICIDADE