A estrea da obra de Abe Rábade para a Real Filharmonía será retransmitida por Internet

mércores, 29 de abril do 2015 Redacción

Esta semana o músico e compositor galego Abe Rábade, referencia internacional no eido do jazz, vai estrear a obra que compuxo para a Real Filharmonía de Galicia. A cita será dobre: primeiro no Auditorio de Galicia (o xoves, Santiago) e despois no Festival de Jazz de Primavera de Ourense. En ámbalas sesións Abe Rábade estará arroupado pola Real Filharmonía de Galicia, fusionando jazz con música orquestral e celebrando, ao mesmo tempo, o Dia Internacional do Jazz. Os organizadores desta prometedora cita coa experimentación musical queren que esta teña a máxima repercusión, de aí que apostasen por Internet como vía para levar o concertos a todos os recantos do mundo. A gala do xoves retransmitirase en directo por Internet (tecnoloxía streaming), a partir das 21.00 horas vía a páxina web da Real Filharmonía, rfgalicia.org.
Antes da actuación, ás 20:15 horas, o músico manterá un encontro previo co público asistente. Como dixemos, a orquestra desprazarase o venres a Ourense, onde actuará xunto a Abe Rábade Trío no Auditorio Municipal da cidade, ás 22:00 horas, no marco do XIX Festival de Jazz de Primavera. En ámbalas citas levará a batuta o director titular da RFG, Paul Daniel.
A obra que se presenta leva por título Tránsitos e, segundo reflicte a Real Filharmonía, “é un compendio de catro viaxes que amosan paisaxes diferentes”. En palabras do músico galego, “son poucas as ocasións na historia do jazz nas que obras concibidas, compostas e editadas para un trío de jazz son amañadas polo mesmo compositor para interpretalas xunto a unha orquestra sinfónica e co trío de jazz orixinal”. Ademais de contar coa RFG para os concertos desta semana, o pianista Abe Rábade tamén estará acompañado de Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e Bruno Pedro á batería.

PUBLICIDADE