A estratexia smart de Ferrol e Narón recibe 10 millóns de euros da UE

martes, 23 de maio do 2017 Redacción

A estratexia sustentábel (EDUSI) de Ferrol e Narón, un proxecto partillado para traballar a prol do emprego e a calidade de vida da cidadanía a través de recursos smart, vén de acadar 10 millóns de euros a través da segunda convocatoria dos fondos europeos FEDER 2014-2020. Esta subvención, a segunda europea que logra Ferrol en maio, implica o pulo definitivo a un proxecto que se artella en torno a seis obxectivos temáticos, un dos cales se insire no eido do goberno electrónico e procura a “reoeorganización dixital da obsoleta estrutura das dúas administracións locais”. O obxectivo común destes puntos da EDUSI (Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostíbel e Integrado) Ferrol-Narón é camiñar cara a unha cidade intelixente, vertebrada, que se abra ao mar e comparta servizos e estratexias de desenvolvemento.
Ría de Ferrol: Cidade 2020 é a denominación formal que ten a EDUSI presentada de forma conxunta por Ferrol e Narón a convocatoria dos Fondos FEDER 2014-2020, unha achega que abre as portas ás axudas da Unión Europea (Fondos FEDER) para o desenvolvemento rexional, apostando por pequenos e estratéxicos investimentos en persoas. O plan das dúas localidades galegas abrangue seis obxectivos temáticos: unha liña estratéxica para impulsar actividades de valor engadido nos sectores tradicionais (Máis alá do naval); un ámbito de traballo para potenciar a candidatura de Ferrol ao Patrimonio da Humanidade da UNESCO mediante a rehabilitación e posta en valor do propio patrimonio (Cidade da Ilustración); unha proposta estratéxica para abrir Ferrol ao mar e que inclúe melloras importantes na contorna litoral, con equipamentos como sendas peonís ou carrís bici, amais de labores de descontaminación e de seguimento smart da conservación do medio (Ola Mar); unha liña de traballo para loitar contra as carencias sociais e para optimizar a calidade da paisaxe urbana (Ferrol Mola); e un espazo para harmonizar urbanisticamente os dous concellos, cun impulso aos transportes sustentábeis, sobre todo a bici e o metro lixeiro (Compacta, vertebrada e conectada).
A maiores, inclúese un bloque de Administración Electrónica, a área Eficiente e dixital. Con este bloque temático quérese reorganizar dixitalmente a “obsoleta estrutura das dúas administracións locais en aras de acadar a máxima eficiencia nun nivel supramunicipal acorde a Lei de Procedementos da Administración Electrónica”. Con estas actuacións daráselle prioridade ao ámbito social e de promoción económica a través da asistencia social e integraranse e aplicaranse algunhas funcións propias das Smart Cities como por exemplo as paradas intelixentes.

PUBLICIDADE