A estratexia RIS3 de Galicia guiará o investimento de máis de 1.600 millóns de euros

mércores, 26 de marzo do 2014 Redacción

Este martes, o Goberno galego presentou os seus vindeiros pasos en seguir en materia de especialización intelixente. Trátase dunha estratexia dirixida, en palabras de Alfonso Rueda (vicepresidente de Xunta), a permitir que Galicia obteña fondos europeos os vindeiros sete anos e transformar a economía da nosa terra nun sistema produtivo baseado na innovación. A Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), dixo, marca “as directrices para mobilizar máis de 1.600 millóns de euros entre capital público e privado ata 2020”.
A folla de ruta tamén foi avaliada polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, que destacou que a RIS3 “é un mapa para acadar o que Galicia quere facer de si mesma nos vindeiros anos”. Ou sexa, dixo, acadar “unha Galicia máis competitiva, que sexa quen de crear emprego sostible e que aposte pola creatividade como eixo do seu futuro”.
Á presentación da RIS3 acudiron o Comisario de Política Rexional da Unión Europea, Johannes Hahn, e a secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, ademais de representantes dos máis de 240 membros do Sistema Galego de Innovación que participaron na elaboración do documento. Estas achegas, dixo Conde, sumadas ás 25.000 enquisas repartidas entre os cidadáns para que aportasen as súas propostas, “converten á Estratexia nunha visión común dos propios galegos sobre o que queren ser en 2020, e foron claves na definición dos tres retos nos que se encadran 20 medidas a executar”.
Segundo explicou Rueda, estes tres retos son a xestión innovadora dos recursos naturais e culturais; un modelo industrial que mellore a competitividade das empresas e a diversificación das industrias con máis peso e, por último, metodoloxías para favorecer a calidade de vida da nosa sociedade a través da innovación (facendo fincapé no envellecemento activo). O primeiro dos retos, polo tanto, diríxese a impulsar a modernización de actividades tradicionais dos sectores primarios galegos. A estratexia establece que isto farase en boa medida a través das TIC, “co obxectivo de crear produtos innovadores, desenvolver aplicacións móbiles e abrir novas canles de comercialización directa”. Por certo que a fórmula das novas tecnoloxías tamén é aplicábel ao segundo dos retos (mellorar a competitividade das industrias con máis peso na economía galega, como a automoción, o naval, o téxtil, a alimentación, a transformación da madeira ou a metalurxia) e máis ao terceiro (aplicación das TIC para favorecer a atención e os coidados e para garantir o seguimento dos produtos xerados ao abeiro do envellecemento activo).

PUBLICIDADE