A escola galega Hack A Boss e Student Finance adicarán 100.000 euros a financiar formación TIC

mércores, 27 de xaneiro do 2021 S. P.

A escola informática galega Hack A Boss e a empresa fintech de apoio formativo Student Finance veñen de xuntar forzas para financiar a educación tecnolóxica de todas aquelas persoas que estean interesadas en “desenvolverse profesionalmente no sector das novas tecnoloxías”. A iniciativa, que en última instancia pretende facilitar a transformación TIC das empresas e favorecer o espallamento das tecnoloxías a todos os niveis económicos e sociais, materialízase con 100.000 euros para seren destinados ao dito cometido. Segundo explican dende Hack A Boss, a demanda de roles de profesionais IT vén sendo moi alta nos últimos tempos, e coa chegada da crise sanitaria non fixo máis que dispararse.
“A día de hoxe”, sinalan dende a escola galega, “o 40% das empresas tecnolóxicas necesitan cubrir postos de traballo con perfís dixitais específicos, o que converte este sector no máis demandado do panorama laboral, cun 90% de empregabilidade”. Hack A Boss engade que este proceso de medre provoca que perfís profesionais con coñecementos sobre JavaScript, CSS, React.js ou HTML “estean entre os máis demandados do sector”. Destas circunstancias xorde a aposta firme da escola galega pola formación de perfís full stack, “mediante unha metodoloxía educativa que se basea nos bootcamps, modalidade de aprendizaxe que permite preparar a persoas sen unha base previa en programación e convertelas en profesionais con saída ao mercado laboral en tan só 16 semanas”.
O acordo nos seus detalles
Co obxecto de conseguir que este tipo de formación sexa “accesíbel a todo o mundo”, Hack A Boss chegou a un acordo con Student Finance e a súa modalidade de pago chamada Acordo de Ingresos Compartidos (ISA), que ofrece ao alumno a posibilidade de pagar polos seus estudos unha vez atopen emprego e sempre que o seu salario estea por encima do limiar de ingresos mínimos. “Agora os candidatos e candidatas que o desexen contarán con respaldo económico, co fin de afrontar o custo do bootcamp, grazas a este sistema de financiamento educativo”, explican os responsábeis da iniciativa.
En palabras de Mariano Kostelec, director executivo (CEO) e co-fundador de Student Finance, “para nós é unha honra poder contar con escolas tan prestixiosas como Hack A Boss como parte da nosa oferta. O noso obxectivo fundamental é poder dar ao estudante a posibilidade de formarse da man dos mellores profesionais, sen o que o diñeiro sexa un problema, garantindo un emprego e salario mínimo ao finalizar os seus estudos”.


PUBLICIDADE