A escola coruñesa Hack A Boss presenta un novo curso intensivo de programación: Summer Bootcamp

xoves, 16 de xuño do 2022 S. P.

Hack A Boss, a escola coruñesa de programación, vén de presentar o seu novo bootcamp de programación full stack, agora en formato intensivo. Baixo o nome de Summer Bootcamp, a empresa de formación ofrece agora a opción de aprender todas as habilidades técnicas necesarias para entrar no sector tecnolóxico en só 10 semanas, sendo esta una das áreas con máis demanda laboral polas empresas. Lembrar que unha bootcamp é un programa intensivo de adestramento práctico de curta duración, neste caso tecnolóxico. Adoita incluír simulacións reais de traballo.
Respecto da proposta concreta de Hack A Boss, a novidade reside en que a persoa que elixa formarse coa escola coruñesa farao agora en menos tempo, 10 semanas de formación, con 7 horas de clase de luns a xoves. “Unha das grandes vantaxes deste Summer Bootcamp”, comentan desde a escola, “é que calquera persoa sen coñecementos previos pode aprender os fundamentos básicos das tecnoloxías web máis demandadas polo mercado nun tempo moi curto”. E engaden: “En 10 semanas, formamos aos nosos estudantes nunha das áreas tecnolóxicas con maior índice de empregabilidade. O que é unha gran oportunidade para acceder ao sector tech
Este Summer Bootcamp dará comezo o 4 de xullo, estendéndose así ata o 8 de setembro. Aquelas persoas que o desexen poderán sumar á súa formación unha semana extra antes da experiencia formativa intensiva, onde se dará contexto a toda a formación con clases sobre historia da Internet e das linguaxes de programación, pseudoprogramación, software necesario…
Hack A Boss salienta que entre “os puntos fortes do programa formativo desta edición” está a presenza de profesores con experiencia en grandes compañías tecnolóxicas como Google, Microsoft, Amazon ou Facebook. A iniciativa tamén contará coa presenza de docentes con experiencia en startups de primeira orde, que contribuíron de forma significativa ao desenvolvemento do mercado tecnolóxico en España. “Estes docentes”, explican fontes da escola coruñesa, “impartirán diferentes obradoiros na fase do programa coñecida como Boost Academy, unha aceleradora de talento á que ten acceso todo o alumnado para poder aumentar o seu talento e preparación”. O obxectivo destes talleres é que as e os estudantes teñan a posibilidade de aprender de profesionais con experiencia nas grandes tecnolóxicas do mundo. De feito, a escola coruñesa é a única de España que conta cun programa similar.

PUBLICIDADE