A enxeñeira informática Verónica Bolón, Premio Ada Byron do CPEIG
venres, 5 de maio do 2023
A
enxeñeira informática
Verónica Bolón vai recibir o Premio Ada Byron do CPEIG (Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia) que se entrega
no marco da XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia,
prevista para o 16 de xuño en Santiago. A distinción vén dada
polos traballos da doutora en Informática na investigación en
Intelixencia Artificial sustentábel e a súa aposta polo fomento da
vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, participando en
numerosas actividades de divulgación e coordinando o nodo da Coruña
do proxecto Inspira STEAM.
Como
deixemos, farase entrega do premio na XV Noite da Enxeñaría en
Informática de Galicia, que se celebrará o 16 de xuño no Hotel OCA
Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre
os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e
profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación
de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente
para o sector.
Verónica
Bolón Canedo (Carballo, 1984) é enxeñeira informática (2009) e
doutora en Informática (2014) pola Universidade da Coruña (UDC).
Despois dunha estancia de posdoutoramento na Universidade de
Manchester (Reino Unido) en 2015, actualmente é profesora titular no
Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da
Información da UDC e investigadora no Centro de Investigación en
Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC.
A
súa tese de doutoramento, sobre métodos de aprendizaxe automática,
recibiu varios premios por parte da Asociación Española para la
Intelixencia Artificial, así como o premio extraordinario de
doutoramento da UDC.
Comezos
Xa
sendo unha rapaza de boas notas, Verónica Bolón tiña claro que lle
gustaba a rama científico-tecnolóxica, e aínda que comezou
matriculándose en Enxeñaría de Telecomunicacións, decidiu a
metade do primeiro curso deixar esta carreira e optar pola de
Enxeñaría en Informática grazas a unha compañeira de instituto
que cursaba esta disciplina e que a animou a probar para descubrir
así a súa vocación.
Actualmente,
Verónica Bolón traballa en temas de investigación relacionados con
varias áreas da Intelixencia Artificial, especialmente na IA
sustentábel, colaborando con outros grupos de investigación
nacionais e internacionais.
Inicialmente,
orientou a súa investigación en tecnoloxías intelixentes aplicadas
á resolución de problemas reais, como pode ser axudar no
diagnóstico de doenzas ou a recomendacións de restaurantes, pero
nos últimos anos centrouse no eido da IA verde e os algoritmos
sustentábeis, é dicir, conseguir que os algoritmos da IA fagan un
consumo máis responsábel dos recursos enerxéticos. “Intentamos
producir resultados que sigan sendo novidosos, pero buscando unha
forma máis eficiente de facelo e tendo sempre en conta o custo
enerxético e computacional”, manifesta a investigadora. Nesta liña
de traballo, conseguiu en 2022 un proxecto para facer que os métodos
de selección de características (un subcampo da IA) sexan máis
sustentábeis e eficientes.
É
autora de dous libros, varios capítulos de libro, un libro editado,
48 artigos en revistas Journal Citation Reports (JCR) e máis
de 50 artigos en congresos internacionais. Son investigacións
altamente citadas (catro das súas publicacións son Highly Cited
Papers e en 2022 recibiu máis de 1.100 citas en Google Scholar)
e cunha clara aplicación social, tanto a temas médicos (diagnóstico
de retinopatía do prematuro, diagnóstico de síndrome de ollo seco,
detección de complexos K en apnea do sono), así como problemas de
enxeñaría (detección de verteduras de petróleo no océano), ou do
ámbito educativo (corrección automática de exames).
En
2018 recibiu unha Bolsa Leonardo da Fundación BBVA para o seu
proxecto de investigación Cando o tamaño importa: Selección de
características para wearables. Ademais de ser investigadora
principal de dous proxectos competitivos nacionais, participou como
investigadora en cinco proxectos competitivos nacionais, dez
autonómicos, un proxecto europeo e cinco redes. Dirixiu quince
traballos fin de grao, quince traballos fin de mestrado e dúas teses
de doutoramento, con nove actualmente en marcha.
Foi
secretaria da Asociación Española para la Inteligencia Artificial
entre 2018 e 2021. En 2020 recibiu o premio Dona Tic Revelación da
Generalitat de Catalunya, e nese mesmo ano foi seleccionada como
académica de número da Academia Joven de España en recoñecemento
a súa excelente traxectoria científica e profesional. Desde 2022 é
académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas,
Físicas y Naturales de España, converténdose na muller máis nova
da corporación.
“A
enxeñaría informática é unha disciplina fortemente marcada polo
estereotipo friki, e tamén por un gran descoñecemento da
profesión, así como a falta de referentes femininos”
Verónica
Bolón destaca tamén pola súa aposta polo fomento da vocación
científico-tecnolóxica entre as nenas, xa que segundo lembra,
actualmente só entre un 12 e un 13% do alumnado de Enxeñaría
Informática son mulleres. “A Enxeñaría Informática é unha
disciplina fortemente marcada polo estereotipo friki, e tamén por un
gran descoñecemento da profesión, así como a falta de referentes
femininos. Creo que é absolutamente necesario que nos centros
educativos coñezan a nosa profesión e vexan que as mulleres estamos
perfectamente capacitadas para desenvolvela”, sinala.
Para
loitar contra estes problemas, Verónica Bolón participa en
numerosas actividades de divulgación (Día Internacional das
Mulleres e as Nenas na Ciencia o 11 de febreiro, o Día da Muller do
8 de marzo, ou mesmo o Día das Rapazas nas TIC que se conmemorou a
pasada semana) e coordina o nodo da Coruña do proxecto Inspira
STEAM. É un proxecto para o fomento da vocación
científico-tecnolóxica entre as nenas, no que mulleres profesionais
de calquera disciplina STEM achéganse a centros educativos de 6º de
Primaria e de 1º da ESO para traballar con nenos e nenas sobre que
son as STEM, os estereotipos de xénero, mulleres referentes, etc.
Nestas
actividades divulgativas, Verónica Bolón trasládalles ás
estudantes que o futuro está relacionado coas materias STEM e que as
mulleres deben estar involucradas e presentes no desenvolvemento
tecnolóxico que se está a vivir. “Non se trata de obrigar ás
rapazas a que escollan unha carreira que non lles gusta, senón que
poidan facelo en liberdade e co coñecemento de todas as profesións.
A informática é moito máis que estar todo o día programando,
senón que está enfocada a resolver problemas de distintas
disciplinas utilizando ferramentas computacionais. Ao contrario do
que moita xente pensa, non é unha profesión solitaria, senón que
se necesitan moitas habilidades sociais como a empatía, pensamento
de resolución de problemas, habilidade de traballo en equipo, e
moitas cousas máis. A enxeñería informática é unha disciplina
apaixonante que no momento actual permítenos non só ser testemuñas
desta nova revolución industrial que estamos vivindo, senón tamén
ser parte importante dos avances”.