A entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións será presidida por Alberto Núñez Feijóo

venres, 4 de setembro do 2015 Redacción

Vista do Gran Hotel da Toxa, sede da celebración

Este mes, como lembraremos, celébrase no Gran Hotel da Toxa a Noite das Telecomunicaciónsde Galicia (edición XX), unha velada organizada polo COETG e a AETG destinada a celebrar e reivindicar o papel das novas tecnoloxías (e dos profesionais galegos das novas tecnoloxías) no desenvolvemento económico e social da nosa terra. A cita dará acubillo á entrega oficial dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015, uns galardóns cos que se quere visualizar o traballo ben feito en materia de impulso TIC, tanto no ámbito privado como no público. A gala será dirixida pola presentadora Silvia Jato e, segundo nos confirma a organización, contará coa presenza do presidente do Goberno Galego, Alberto Núñez Feijóo. O lema da cita: Un mundo conectado.
A velada comezará as 20.00 horas cunha sesión de traballo en rede, que se prolongará ata o inicio da gala, en cuxo transcurso actuará o grupo musical DGT. Antes de comezar a cea, as 22.45 horas, entregaranse os sete premios do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.
Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015
O premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, será para CO2 Smart Tech, S.A., pola súa contribución á creación de emprego, o seu espallamento internacional e a consolidación do seu volume de negocio en amplos mercados.
O premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2015, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, recaerá en Alberto Rico Alvariño por Cognitive and signal processing techniques for improved spectrum exploitation in wireless communications. Como lembraremos, a tese premiada expón técnicas que incrementan a eficiencia das redes sen fíos e aporta solucións ao problema de reutilización do espectro radioeléctrico, que ten un impacto fundamental no desenvolvemento socioeconómico. Unha mostra da súa aplicabilidade é que os resultados desenvolvidos foron licenciados para o uso da Axencia Espacial Europea nos seus proxectos e estándares
O premio Ineo ao produto ou servizo TEIC orientado á Internet das Cousas, e outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, seralle concedido a Consultores Tecnológicos Industriales de Galicia polo proxecto Open Framework i3. V4.0, un sistema aberto para a extensión da automatización de procesos a partes do sistema produtivo industrial no que aínda non estaban implantados.
O premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, en colaboración coa AMTEGA, recaerá nas Aulas Interactivas para a estimulación cognitiva de alumnos coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual de Down Galicia. O galardón recoñece o carácter innovador da idea, a súa viabilidade e aplicabilidade pragmática e a súa contribución ao acceso ás TIC e a inclusión dixital
O premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, concederáselle a RETEGAL, polo seu esforzo e dedicación “en pechar a fenda dixital na nosa comunidade”. Segundo fixo saber o xurado recentemente, “a compañía galardoada despregou unha infraestrutura tecnolóxica que ofrece unha ampla cobertura, malia a difícil orografía de Galicia, e permite prestar servizos que van dende a radio e televisión ata o sistema Tetra de comunicación para emerxencias”.
Polo que respecta ao premio Socio de Honra 2015 da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, irá dar á Asociación PuntoGal pola súa contribución á visibilidade, na Rede, da lingua, a cultura e a identidade de Galicia.
Por último, o premio Enxeñeiro do Ano 2015 do Colexio Oficial e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia recaerá en José María Pousada Carballo “pola súa contribución á difusión das Tecnoloxías da Información e a Comunicación en Galicia, primeiro como director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, e posteriormente como director do Centro Universitario de la Defensa, na Escola Naval Militar de Marín”.

PUBLICIDADE