A entrega de premios da Fundación TIC acolle a estrea da webserie Haters

luns, 22 de decembro do 2014 Redacción

O sábado 20 de decembro tiña lugar na Cidade da Muralla a entrega dos Premios Tico -celebrada nas instalacións da Fundación TIC- na que se valoraban os mellores traballos realizados ao longo do pasado curso. Así, o alumnado de 2º curso dos ciclos de Realización e Produción da Escola de Imaxe e Son (EIS) recibía o primeiro Premio Tico. O equipo docente decidiu os nomeados ás nove categorías que estableceron os alumnos do último curso de Produción. Os votos dos estudantes que se incorporaron este ano á EIS decidiron os premiados.
A gran gañadora desta primeira edición foi El club de los poetas muertos, que acadou catro galardóns: mellor secuencia, mellor director, mellor director de fotografía e mellor vestiario; o premio á mellor reportaxe foi para Casa Cuna; e á mellor curtametraxe para Toff Svenska, Toff Curling.
Asemade, a gala serviu de estrea oficial da webserie Haters, que concorre á vindeira edición dos premios Mestre Mateo. Trátase dunha comedia producida e realizada por un equipo de alumnos e titulados da EIS, encabezado por Tania Penoucos, Miguel Barros e Luís Miguel Fernández. Rodouse o pasado mes de xullo en Lugo e contou coa colaboración da Fundación TIC. Consta de tres capítulos, de 20 minutos de duración, nos que se narran as aventuras de dous mozos inconformistas que tentan sobrevivir á sociedade actual, xunto a un grupo de amigos. Durante a gala proxectouse un destes capítulos.
Ao longo da entrega de premios tamén se proxectou un lipdub de Nadal coa canción de María Carey Santa Claus is coming to town, no que participaron o alumnado, profesorado e persoal da Escola de Imaxe e Son. Estudantes de 2º curso ocupáronse da produción e realización do vídeo musical que se gravou hai un mes nas aulas e no resto de instalacións da EIS.


Primeiro capítulo da Haters

PUBLICIDADE