A empresa ourensá EDISA estreará nos vindeiros meses a versión 6 de Libra

venres, 9 de outubro do 2015 Redacción

No ano 1983 abría as súas portas EDISA, a empresa con sede no ourensán Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), unha factoría centrada na integración de sistemas baseados nas últimas tecnoloxías da información, así como no desenvolvemento e introdución de software estándar de xestión empresarial. E dando un pulo cara a actualidade, e como xa adiantamos dende Código Cero os días pasados, EDISA ten entre mans o lanzamento (previsto para xaneiro de 2016) da nova versión Libra 6, que suporá un fito importante nunha traxectoria de case 25 anos para a devandita plataforma tecnolóxica de xestión empresarial, que en palabras dos seus responsábeis é xa, a día de hoxe, “moito máis que un ERP”.
Se botamos unha ollada á historia do software Libra, cómpre dicir que era o 3 de outubro de 2015 cando se realizaba a presentación a nivel interno, estando prevista a presentación a todos os clientes de España entre os meses de novembro e decembro, para finalizar no primeiro trimestre de 2016 coas presentacións nos países de Latinoamérica nos que Libra tamén está presente.
E cales serán as principais vantaxes que achegará a nova versión aos clientes? Pois unha interface nova que permite personalizar os indicadores de xestión a nivel de usuario, facer máis doado o acceso aos programas e integrar tanto as aplicacións encamiñadas a escritorio como as aplicacións orientadas a dispositivos móbiles ou dispositivos con interface táctil. Outra vantaxe serán as novas ferramentas para a explotación de datos integradas en Libra 6 e unha meirande automatización de procesos e sobre todo integración con todos os axentes cos que interactúa a empresa (clientes, provedores, banca, administración pública, axencias de transporte).
Por último, informamos agora da axenda prevista para a presentación da nova edición do software: o martes 27 de outubro, 9.30-12.30/ Asturies (sede EDISA); o martes 3 de novembro, 9.30 -12.30/ Vigo (especificarase lugar); o martes 3 de novembro, 16.00-19.00/ Santiago de Compostela (especificarase lugar); o mércores 4 de novembro, 9.30-12.30/ O Barco de Valdeorras (Pazo do Castro); o mércores 4 de novembro, 16.00-19.00/ Ourense (sede EDISA); o martes 10 de novembro, 9.30-12.30/ Madrid (sede EDISA); o martes 17 de novembro, 9.30-12.30/ Euskadi (especificarase lugar); o martes 24 de novembro, 9.30-12.30/ Valencia (especificarase lugar); o mércores 2 de decembro, 9.30-12.30/ Sevilla (especificarase lugar); o mércores 9 de decembro, 9.30-12.30/ Barcelona (especificarase lugar); o mércores 16 de decembro, 9.30-12.30/ Canarias (especificarase lugar). En canto ás sedes de Latinoamérica, a presentación será ao longo do primeiro trimestre de 2016.

PUBLICIDADE