A empresa galega Texas Controls crea o primeiro simulador virtual para o aperte controlado no sector eólico

martes, 16 de maio do 2023 S. P.

A empresa coruñesa Texas Controls, centrada na enxeñaría especializada en aperte (apriete) e selado industrial con 6 delegacións internacionais e varias filiais locais en Bergondo e Tarragona vén de presentar a primeira experiencia en Realidade Virtual para o aperte controlado na industria eólica.
A experiencia, desenvolvida en Galicia, foi liderada por Texas Controls en colaboración coa empresa Xoia. O desenvolvemento permite simular contornas de traballo de alto risco e difícil acceso e trasládao a unha contorna virtual segura, flexíbel e autónoma.
Nos traballos nas turbinas eólicas, cada unión é crítica, polo que os traballos deben ser levados a cabo por técnicos con experiencia, competentes e certificados. A isto únese o uso de produtos e técnicas complexas, os riscos asociados á altura ou á altísima presión dos equipos, así como as duras condicións da contorna. Esta tecnoloxía axudará a reducir a brecha entre o coñecemento teórico e a experiencia en campo, ao brindar un ensaio práctico e realista aos traballadores.
Esta é a primeira ferramenta deste tipo en todo o mundo e vai permitir aos técnicos familiarizarse coas ferramentas de aprete e probar o seu traballo nas unións de pernos e porca (tuerca) sen risco de erros ou accidentes.
Frank Fernández, fundador e director executivo de Texas Controls, explica que este desenvolvemento, froito da innovación constante, pretende garantir un maior nivel de cualificación en lugares remotos, dada a importancia, por aspectos de seguridade e calidade, que ao fin e ao cabo dependen do factor humano. “Estamos orgullosos de ser a primeira empresa en desenvolver unha experiencia virtual para o aperte controlado. Este é un importante paso adiante non só para o sector das enerxías renovábeis senón para toda a industria e sentímonos orgullosos de proporcionar aos traballadores as ferramentas máis avanzadas dispoñíbeis”.
Até o momento, a iniciativa foi presentada na Feira Wind Europe de Copenhage (25-27 de abril), un dos eventos internacionais máis importantes de Europa centrado na enerxía eólica, pero a intención da compañía é aumentar o investimento en innovación e poder levar a Realidade Virtual a todas as súas delegacións e produtos.

PUBLICIDADE