A empresa galega EGATEL levará a TDT a Kenia

martes, 10 de novembro do 2015 Redacción

A empresa ourensá EGATEL, especializada nos produtos e sistemas de radiofrecuencia encamiñados a transportar ou difundir sinais de televisión (analóxica e dixital) e sinais de radio dixital para cubrir as necesidades do mercado broadcast profesional global, vén de ser elixida por APD, a empresa adxudicataria do proxecto, para o despregamento de TDT en Kenia. Máis polo miúdo, EGATEL converterase en provedor para a subministración, instalación e posta en marcha de 10 novos centros de transmisión de alta potencia situados en diferentes puntos estratéxicos do país africano, configurados con sistemas de redundancia 1+1 baseados en transmisores EGATEL DVB-T2 de 2.3 kWrms.
Os transmisores de última xeración pertencen á actual Serie WHET (Wideband High Efficiency Transmitters), modelo TUWH4604 con refrixeración por ar, salientando por achegar unha alta eficiencia enerxética en toda a banda UHF mediante o uso de tecnoloxía Wideband Doherty que reduce de xeito significativo o consumo enerxético e, por tanto, os custos de operación.
A aceptación en fábrica dos equipos que compoñen a subministración terá lugar a finais deste mes de novembro, durante a cal unha delegación de APD e do operador de TV pública KBC (Kenya Broadcasting Corporation) estender a súa rede de Televisión Dixital no país. visitará a sede de EGATEL en Ourense, para coñecer de primeira man as instalacións e realizar as inspeccións e probas oportunas aos equipos antes de proceder á súa distribución aos diferentes centros de destino.
Segundo fontes da firma galega, grazas a este proxecto consolídase a presenza de EGATEL nun novo país africano como subministrador de transmisores de TDT no seu proceso de migración á TV Dixital, “proceso complexo e de gran alcance e cun horizonte de apagamento analóxico inmediato”, engade a compañía.

PUBLICIDADE