A edición viguesa de Finde.U congregou máis de medio milleiro de participantes

xoves, 24 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Estas son xornadas de networking arredor do talento, o emprego e a innovación. Se os días pasados falamos do Talentia Summit de Compostela, no que participou un número considerábel de empresas e candidatas e candidatos a formar parte delas, este mércores arrancou dende a UVigo a cuarta edición da Feira Internacional de Emprego Universitario Finde.U, que comezou con máis de medio milleiro de persoas inscritas e medio cento de empresas participantes.
Foron dous días (máis as xornadas de continuidade da semana que vén, en Portugal) en aberto, o que significa que puido participar no evento todo o alumnado (e ex-alumnado) das máis variadas áreas de formación. O obxectivo: dinamizar o mercado laboral permitindo encontros cara a cara.
Finde.U prolongarase, por ser un acontecemento galego-luso, a vindeira semana (días 29 e 30) ás instalacións de Exponor (Porto). Participaron na edición viguesa, achegando actividades varias, empresas como o Grupo Hotusa, Torres e Carrera Consultores de Comunicación, Indra, Televés, Viewnext, PSA Peugeot-Citroen, Cafés Las Candelas ou Nortempo, amais das entidades AlantTIC (Centro de Investigación en Telecomunicación da UVigo), Centro Tecnolóxico da Automaticación de Galicia (CTAG), COGAMI, CETMAR, DomusVi, EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, Universidade de Vigo ou IESIDE Business School.
A feira, que vén da man das universidades de Vigo, Porto e Tras-os-Montes e Alto Douro, puxo este ano un especial esforzo en que participasen na feira empresas de todos os sectores, buscando así que calquera estudante tivera compañías adaptadas ao seu perfil nas que poder entregar o currículo. “Coas anteriores edicións fomos detectando que a oferta de empresas tecnolóxicas era moi ampla pero que había eivas noutros ámbitos e isto foi algo que intentamos corrixir”, explicou a vicerreitora da UVigo Natalia Caparrini, quen salientou a presenza nas instalacións do IFEVI de varias firmas con perfís interesantes tanto para o alumnado do ámbito científico como do xurídico-social e as humanidades.
A inauguración da cuarta edición da Finde.U tivo lugar a primeira hora da tarde do martes e nela contouse coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Abel Caballero, alcalde; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Corina Porro, delegada da Xunta de Galicia en Vigo, e Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, entre outras moitas autoridades tanto galegas como portuguesas. Todos destacaron “a importancia dun evento que serve de punto de encontro entre universidades, empresas e institucións”.

PUBLICIDADE