A edición dixital de La Voz de Galicia podería provocar infeccións de software malicioso

xoves, 24 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Durante esta maña varios dos nosos lectores comunicáronnos que tiñan problemas para acceder á edición en liña do xornal La Voz de Galicia, o que tamén están a comentar numerosos usuarios de Twitter, e tras comprobalo no servizo Stop Badware vemos que a páxina principal do diario figura na listaxe negra de páxinas web perigosas por poder provocar infeccións de malware (algo que á sección de anuncios clasificados da publicación pasoulle nun par de ocasión en 2012), por mor dunha a advertencia de Google indicando que lavozdegalcia.es é unha páxina web sospeitosade estar infectada por algún tipo de código malicioso sen coñecemento inicial dos seus responsables, que aseguran (indirectamente) estar a tomar medidas para corrixir a situación.
Mentres o problema non se arranxe non é recomendable acceder a tal páxina web se non temos un equipo debidamente protexido con software de seguridade informática e navegador web actualizado.
ACTUALIZACIÓN (19:00): O servizo de diagnose contra o malware de Google detalla agora que atoparon 3 páxinas de La Voz de Galicia que provocaban a descarga e instalación de software malicioso sen o consentimento do usuario, que correspondía a 1 troiano hospedado en dominios rexistrados en Suíza e Arxentina (e hospedados nos EE.UU.).
ACTUALIZACIÓN (25-1-2013): Stop Badware eliminou esta mañá a páxina web de La Voz de Galicia da súa listaxe negra, polo que podemos considerala libre de malware. Dende La Voz aseguran que aínda que durante a mañá algún navegador web continúa sen poder acceder á súa páxina web, isto é por culpa das cachés que impiden o acceso á versión actualizada da información sobre a seguridade de Lavozdegalicia.es, espazo que xa figura como seguro.

PUBLICIDADE