A edición 2011 dos Premios EGANET recibiu preto de 200 candidaturas

luns, 12 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

As premiadas e os premiados da edición 2010 do certame

Finalmente pechou o prazo para presentar candidaturas á nova edición dos Premios EGANET e, polo tanto, xa temos datos sobre participación. Datos que, por outra banda, semella que non poden ser máis positivos, o que dá unha idea da importante actividade innovadora que se está a rexistrar no seo mesmo do sector TIC galego. Segundo informa EGANET, as cifras de participación acadadas, con 192 proxectos presentados da man de 74 empresas galegas, non só nos permiten estar máis que orgullosos do noso potencial senón tamén esperanzados respecto das moitas cousas que ten que dicir o tecido TIC do país no proceso de superación de crises propias e alleas, galegas, estatais ou mundiais.
Todo indica que nesta oitava edición do certame de EGANET, que inclúe un total de cinco categorías a concurso, o xurado terá entre mans unha tarefa especialmente enleada e máis aínda se temos en conta “a calidade e orixinalidade dos proxectos achegados”. Con estas novas presentacións dos días pasados, engade a asociación que preside Víctor López, os premios suman xa máis de 1.290 proxectos recibidos a través de máis de 900 entidades ao longo da súa traxectoria, cifras que “avalan tanto aos premios como o traballo cotián da entidade e a capacidade creativa do sector TIC da nosa terra”, engádese.
A categoría máis concorrida foi a de Mellor Comunicación Dixital, para a que se recibiron 50 proxectos, seguida pola de Proxecto de Negocio Online, na que se recolleron 44 iniciativas. Tras un labor de filtrado e votación a cargo dun comité avaliador formado por empresas socias de EGANET, os finalistas daranse a coñecer en breve, sendo un xurado formado por expertos externos á asociación que terá a última palabra sobre os proxectos que finalmente levarán os cinco galardóns.
Poderemos saber os nomes das gañadoras e gañadores durante a gala de entrega de premios que se vai celebrar o 21 de decembro no Pazo de Congresos de Santiago, a partir das 12.00 horas.

PUBLICIDADE