A eAdministración, ao detalle no novo curso convocado pola EGAP

luns, 1 de abril do 2013 Redacción

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) vén de convocar no DOG a nova edición do seu Curso Superior de Administración Electrónica, unha actividade formativa que arranca o 24 de abril (e até o 12 de xullo) e que se dirixe a incidir, dende unha perspectiva que cingue os eidos tecnolóxico e xurídico, no significado e implicacións futuras da eAdministración, incidindo na súa importancia para as institucións e para a propia cidadanía. Como dixemos hai uns días, o curso está organizado en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) que dirixe Fernando Suárez.
Máis en detalle, os contidos do programa están enfocados para que os destinatarios adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito da informática. O contido está estruturado en tres módulos, os fundamentos de tecnoloxías e sistemas de información, os aspectos legais das TIC e a eAdministración, e a Administración electrónica.
Para o curso, a escola oferta un total de 50 prazas, das cales o 60 por cento teñen como destinatarios os empregados públicos das administracións de Galicia, tanto autonómica como local, e das universidades. Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir a instancia que figura no sitio web da EGAP. O curso terá lugar na súa sede dende a segunda quincena de abril ata mediados de xullo, cun total de 114 horas de formación e clases prácticas presenciais.

PUBLICIDADE