A división galega de ASIMELEC promoverá a innovación galega alí onde sexa preciso

martes, 28 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

Os presidentes de AGESTIC e Blusens presentaron en Santiago os obxectivos da delegación galega

Unha entidade para mellorar a imaxe de Galicia e relembrarlle ao mundo que aquí tamén se fai innovación. Deste xeito resumiu hoxe o presidente de Blusens (José Ramon García) os obxectivos do Consello Territorial galego da patronal ASIMELEC (Asociación Multisectorial de Empresas de Tecnoloxías da Información, Comunicacións e Electrónica), que se constituíu formalmente esta mesma mañá na sede da Confederación de Empresarios de Galicia, en Santiago. A división galega da plataforma estatal, que contará con José Ramón García en labores de presidente, desenvolverá polo tanto un labor de cooperación, fronte común no sector, promoción tecnolóxica e, sobre todo, publicidade do noso. Para o CEO da firma galega Blusens, a situación está ben clara: non chega con facer innovación, hai que contarllo a todo o mundo e contribuír a que os demais nos desvinculen dunha imaxe de simples consumidores, xa que tamén somos produtores, e cada día con paso máis firme.
Ao seu xuízo, o Consello Territorial galego de ASIMELEC constitúe unha moi boa oportunidade para reforzar as nosas canles de promoción e venda. Semellante punto de vista compartiu a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, presente tamén no acto celebrado en Compostela, quen avogou polo diálogo e o traballo ombro con ombro, co obxectivo de constituír un equipo público-empresarial en permanente conexión que saiba orientar da maneira máis axeitada as políticas tecnolóxicas.
No transcurso da presentación oficial da delegación galega de ASIMELEC, Mar Pereira amosoulle o seu apoio á plataforma, tanto en labores de pulo como de dinamización. Ao seu xuízo, “unha cooperación ben estruturada é un dos instrumentos fundamentais para mellorar a competitividade nas empresas e pór en marcha novos proxectos”.
Por certo que na constitución do Consello Territorial tamén participou arreo a Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC, representada no encontro polo seu máximo responsable, José María López Bourio, quen apostou por fomentar na nosa terra un clima especialmente apropiado para o medre das empresas vinculadas ao coñecemento e ao dixital. Ao seu xuízo, non se repara como se debe na importancia dos recursos que as compañías que representa poñen en xogo, recursos que melloran coma poucos as posibilidades competitivas e de crecemento dos restantes sectores produtivos. “Temos moito que dicirlle e que achegarlle ao resto das empresas, e partindo xa dende as máis vinculadas ás actividades primarias, como por exemplo a gandería ou a pesca”.
Durante a súa intervención, Bourio apelou aos recursos humanos e técnicos do novo equipo da Xunta para favorecer na medida do posible este diálogo intersectorial e esta protección a un ben especialmente prezado, o noso eido TIC: “Non queremos unha política de solucións puntuais que non sexan coherentes coa realidade do sector e das pequenas empresas e as microempresas, que son as que están a sufrir de verdade esta exclusión do dixital”. No seu punto de vista, tamén hai moito que facer no eido da accesibilidade, co obxectivo de garantir na nosa terra o acceso pleno de todas as persoas ás vantaxe da Sociedade da Información, vantaxes que para determinados colectivos, como por exemplo os dos cidadáns con diversidade funcional ou os da terceira idade, son de importancia máis que salientable para contribuír a mellorar a súa calidade de vida.
Asemade, a constitución do Consello tamén contou co respaldo da propia patronal ASIMELEC (estivo presente no acto Martín Pérez, presidente da plataforma) e a Asociación Galega de Empresarios Instaladores de Telecomunicacións, AGEINTE, entidade presidida por Susana Vila e na actualidade integrada por máis de 400 empresas asociadas que dan emprego a arredor de 8.000 traballadores.
Interlocutor da administración
ASIMELEC é unha patronal do sector das TIC nada en 1984. Hoxe en día agrupa tanto a fabricantes como a comercializadores, distribuidores e a instaladores de telecomunicacións. É a única asociación do macrosector TIC que agrupa a todos os sectores. Grazas a esta filosofía de multisectorialidade defende os intereses da totalidade do sector electrónico.
A asociación instalou hoxe en Santiago o seu quinto Consello Territorial, tralos de Cataluña, Asturias, Comunidade Valenciana e Andalucía, co obxectivo de fomentar o desenvolvemento de empresas de electrónica e comunicacións no noso país.
Como dixemos, ASIMELEC integrará na nosa terra a asociacións previamente existentes como AGESTIC (Asociación Galega de Tecnoloxías de Información e Comunicación), fundada en 2003, ou a AGEINTE, a rama galega de FENITEL (Federación Nacional de Instaladores de Telecomunicacións).
Deste xeito, ASIMELEC constitúese desde hoxe, como rezan os seus estatutos, en interlocutor válido ante as instancias administrativas locais e autonómicas especialmente, polo tanto, da Secretaría Xeral de Modernización.

PUBLICIDADE