A directora de Telefónica en Galicia aposta en Santiago pola dixitalización universal

xoves, 26 de setembro do 2019 Redacción

Este xoves a Cámara de Comercio de Santiago celebrou na súa sede a xornada A dixitalización como panca de conectividade na PEME, unha xuntanza empresarial dirixida a pór de relevo as vantaxes da transformación e a innovación no seo das empresas de calquera sector: tanto a nivel de produción como en xestión, comunicación, mercadotecnia, análise de mercados ou distribución.
Na cita, entre outras empresas de primeiro nivel (como por exemplo Orange e Mapfre), participou Telefónica, achegando o seu punto de vista sobre o positivo de apostar integralmente pola dixitalización, un proceso que, segundo Marta Menéndez, directora de Telefónica en Galicia, non é cuestión de tamaño. “Todas as empresas, máis grandes e máis pequenas, deben apostar pola dixitalización dos seus procesos e servizos”, sinalou.
Na xornada, introducida pola secretaria xeral en funcións da Cámara, Rosa María Cardoso, interviñeron Carlos López Branco, presidente da Comisión de Dixitalización da Cámara de España; José Manuel Martínez, subdirector de Desenvolvemento de Negocio de Transformación Dixital de Mapfre; e Gonzalo Echazarra, director de Empresas de Zona Norte de Orange.
Menéndez destacou ademais que Telefónica é “un socio de fiar para acompañar ás empresas na súa transformación dixital, tanto en termos de ciberseguridade como de servizos que redunden nunha resposta máis áxil a un cliente, cada máis hiper-informado e que esixe unha resposta inmediata”.

PUBLICIDADE