A derradeira fase do apagamento analóxico na nosa terra comeza este mércores

martes, 9 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

Para quen non o saiba, ben porque vive nunha zona de plena cobertura da TDT (e considera que o traballo xa está feito), ben porque lle segue dando uso ao analóxico dende unha zona aínda non apagada pensando que vai durar sempre (e o conto vai camiño de ir rematando), aínda queda por facer no despregamento da Televisión Dixital Terrestre na nosa terra. Segundo informa a Secretaría Xeral de Medios (ente responsable destes traballos a nivel galego), os traballos finais para o espallamento definitivo da TDT na nosa xeografía darán comezo esta mesma semana. Esta derradeira fase, a terceira, do apagado analóxico arrancará o mércores 10 de marzo para rematar o vindeiro 2 de abril, abranguendo a preto de 1.300.000 galegas e galegos. Co remate desta terceira etapa dos labores, a desenvolver nas áreas técnicas de Domaio (unha boa parte de Pontevedra e cinco concellos da Coruña) e Páramo (unha boa parte de Lugo), a poboación galega terá acceso exclusivo á televisión dixital, significando este feito o adeus definitivo ao sinal antigo que todos coñecemos: o analóxico.
Lembrar que as fases I e II do apagamento realizáronse en Galicia do 18 de xaneiro ao 1 de febreiro e afectaron a 1.550.000 galegos, o 56% dos cidadáns do país, pertencentes a 203 concellos. Os traballos a desenvolver ao longo desta semana virán acompañados das tarefas consultivas de costume por parte da Secretaría Xeral, que seguirá a manter as canles habilitadas as pasadas semanas para resolver as posibles dúbidas da cidadanía acerca da implantación da nova tecnoloxía. Así, ficará activo o teléfono de atención 012. Neste senso, e co fin de que o paso dunha plataforma a outra sexa o máis fluído e doado posible, a Xunta recoméndalles aos cidadáns implicados na última fase do despregue que non agarden até o último día para adaptar a súa televisión á tecnoloxía dixital. É dicir: recoméndalles que teñan feitas as adaptacións precisas na súa antena e que conten co decodificador que posibilita a recepción axeitada do sinal.
Para máis información sobre o traballo a desenvolver e as áreas que abrangue o mesmo, a Xunta habilitou un documento coa información pormenorizada sobre as etapas.

PUBLICIDADE