A décima Noite da Enxeñaría en Informática celébrase en Santiago o 15 de xuño

xoves, 24 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Sen dúbida as novas tecnoloxías da información están feitas para tirarlles proveito, pero tamén para festexalas. Esta é a idea que acompaña a celebración da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebra este ano o 15 de xuño en Santiago de Compostela, novamente da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG. O evento, de periodicidade anual, ten o obxectivo de achegar un punto de encontro para todas e todos os colexiados, estendendo este espazo común de celebración do coñecemento e a innovación aos responsábeis das empresas TIC da nosa terra e das entidades públicas con competencia directa ou indirecta no dixital.
A Noite chega este ano á súa décima edición. Celebrarase unha vez máis no Hotel Monumento San Francisco. Como de costume, virá acompañada de premios para recoñecer o traballo ben feito dos nosos profesionais en materia dixital.
Trátase, en palabras do CPEIG, do evento TI referente de Galicia, un carácter senlleiro que se reforza cada ano. Novamente podemos consultar todo o relativo ao festexo na web específica anoite.gal. O mestre de cerimonias será o actor e humorista Carlos Latre, e a previsión é de que a gala comece arredor das 20.00 horas, co cóctel de benvida. De seguido, arredor das 21.00 horas, procederase a entregar os premios que cada ano convoca o CPEIG e que, como dixemos, diríxense a mostrar os esforzos das nosas entidades, asociacións, profesionais e empresas no camiño de impulsar recursos e servizos tecnolóxicos de especial valor para o noso desenvolvemento social e económico. Estes son os galardóns que acompañan a celebración da Noite: Premio Proxecto Fin de Carreira/Master, Premio e-Inclusión, Premio Iniciativa Emprendedora, Premio Iniciativa Empresarial, Premio Ada Byron, Premio Iniciativa da Administración, Premio Traxectoria Profesional, Premio 10 anos conectad@ e a distinción Colexiada de Honra.

PUBLICIDADE