A curta The Other Side imponse no festival de filmes rodados con iPhone de Los Ángeles

luns, 31 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

A curta The Other Side, da que falamos en Código Cero para salientar entre outras cousas que foi rodada integramente cun dispositivo iPhone 5, vén de proclamarse gañadora no certame iPhone Fim Festival de Los Ángeles, unha celebración audiovisual que amosa e reivindica producións de todo o mundo elaboradoras cos ditos dispositivos tecnolóxicos de Apple. A peza The Other Side, obra do zaragozano Conrad Mess (nome artístico de Luis Mises), foi rodada nunha vella fábrica da vila de Mura, Barcelona, e está baseada nunha historia de terror da catalá Maria Gómez. Para a elaboración do filme empregouse o software FilmicPro para iPhone.
A curtametraxe rodouse nun escenario de corenta metros cadrados con croma e, segundo fan saber os seus responsábeis, recreando todos os elementos por computador con técnicas de deseño de fondos e escenarios CGI e 3D. “O resultado”, engaden, “foi unha inquietante curta con estética vitoriana e fondos xerados en tres dimensións”. A peza está protagonizada por Cristina Castaño (Fráxiles, A que se aveciña), Pedro Pablo Isla (O segredo de Ponte Vella, Hispania), Jana Lafuente e Yaiza Grajales. The Other Side, que ten unha duración de 17 minutos, salienta en boa medida pola construción dos ambientes e pola atmosfera de terror que emana das súas imaxes, conta a historia dunha nai que se converte en vampira e que para sobrevivir precisa sangue, co que non lle queda máis remedio que botar man do que ten máis a man: a súa propia familia.

PUBLICIDADE