A cultura dixital, a debate na Conversa do CulturaLab deste mércores 25

mércores, 25 de febreiro do 2015 Redacción

Xuntanza de traballo do colectivo galego Alg-a

O Máster de Servizos Culturais da Universidade de Santiago volve este mes mércores a habilitar un escenario, o das Conversas do CulturaLab, no que debater sobre fórmulas de facer actividade produtiva botando man das diferentes (e en moitas ocasións interconectadas) formas que adopta a cultura. Dito doutro xeito: trátase de falar arreo de como ser un profesional da creación artística, gráfica, literaria, musical ou audiovisual (entre outras linguaxes). Como é lóxico, as novas tecnoloxías da información andan preto de calquera debate destas características. O encontro que prepara CulturaLab este 25 non é unha excepción: a cultura dixital será o eixo temático da nova xeira de conversas. A cita será este mércores no Museo Provincial de Lugo as 19:00h.
Lembrar que as Conversas do CulturaLab son unha serie de encontros abertos á participación que procuran reivindicar a conversa e o debate como forma de aprendizaxe. Desta volta, logo de tres sesións, achégase a oportunidade de falar con Manuel Cebral Loureda (Man Hauser), licenciado en filosofía e coordinador e director do Alg-a Laboratório, (Valadares, Vigo) centro independente de arte dixital e cultura libre, no que desenvolven proxectos como programación creativa, electrónica DIY e circuit bending entre outros.
A charla pretende debater en torno á sociedade do espectáculo actual, “onde a industria do lecer convértese dalgunha maneira nunha cadea de produción de desexo”, sinalan os organizadores, que tamén apuntan a que no debate deste mércores farase fincapé no feito de que dende a cultura dixital “sexa posíbel recuperar ao suxeito como peza chave na produción e distribución de coñecementos”. E engaden: “Hai por tanto esa outra cultura dixital que hibrida coas prácticas tradicionais de reparto de recursos de forma comunal e será en torno a este fío, polo que Man Hauser guiará a conversa”.
Asemade, durante a conversa citaranse algúns exemplos de como a cultura dixital está a transformar espazos como poden ser as artes escénicas, a través do proxectos de investigación como herm3TICa, no que colabora o conversador.
Sinalar que esta charla é a última das catro propostas no marco do CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC. O obxectivo dos responsábeis dos encontros foi convertelos nun lugar de debate aberto á toda a cidadanía “no que repropoñer e cuestionar o papel da cultura á hora de enfrontarse aos desafíos que como sociedade temos por diante”, explican.

PUBLICIDADE