A cuarta parte dos menores que contactan en liña con descoñecidos chegan a ter unha cita con eles

luns, 12 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

Sen arela de crear alarma, cómpre lembrar unha vez máis que a Rede non é distinta da vida real no que aplicación de sentido común se refire: o que vale para esta, vale para aquela. Así, en materia de amizades e contactos, nin fóra da Internet nin dentro dela é ouro todo o que reloce. Isto que semella obvio para quen xa ten unha experiencia, non o é tanto para quen comeza na Internet e se ve a si mesmo seguro no abrigadoiro do anonimato. Cada pouco, chegan estudos que certifican este tomarse as redes á lixeira. Un dos máis recentes é Usos de Internet entre os menores da Comunidade de Madrid, riscos e características, investigación na que se pon de manifesto que o 23% das mozas e dos mozos de entre 12 e 17 anos que recibiu ou enviou propostas por Internet sostén ter chegado a establecer encontros reais con descoñecidos. O estudo, dirixido por Antonio García Jiménez (profesor titular de Xornalismo da dita universidade), achega datos interesantes no que se refire ao papel que xoga hoxe en día a Internet entre os rapaces, cada vez máis desvinculados (nesta sociedade que vivimos) do seo familiar e da protección que pon en xogo.
Deste xeito, infórmase, “os nenos parecen empregar a Rede como substituto perante as carencias afectivas dos pais”. E engade o investigador: “Aínda que é certo que a inmensa maioría dos menores falan sobre todo cos amigos, existe un 17% que o emprega para contactar con descoñecidos da súa mesma idade, principalmente por medio das redes sociais”. Moitos deles, puntualízase, chegan mesmo a fornecer os seus datos persoais.
O estudo tamén achega datos salientables dobre os modelos de resolución destes encontros fixados na Rede, citas ás que na maior parte dos casos non se acode sen compaña (no 61% dos casos participa un amigo ou unha amiga) e que nunha boa porcentaxe rematan de xeito positivo (con novas amizades, no 62% dos casos), pero que nunha pequena pero relevante taxa, o 5%, dan como resultado unha experiencia desagradable ou perigosa. A maiores, a investigación confirma o que xa sabía sobre o uso das novas tecnoloxías como complemento ao acoso escolar, práctica existente dende que as escolas son escolas pero que nos últimos tempos adquire meirande relevancia polo simple feito de que alguén grava estes casos de abuso. Deste xeito, o estudo confirma que o acoso escolar trasladouse definitivamente á Rede, sendo a taxa de menores que afirma coñecer algún caso de ciber-acoso do 44,3%.

PUBLICIDADE