A crise tamén chega a Ono

venres, 24 de outubro do 2008 Raquel Noya

Sede central de Ono en Madrid

O grupo de telecomunicacións Ono vén de facer pública a súa intención de iniciar un expediente de regulación de emprego que lle podería afectar ata a mil traballadores da súa equipa. Esta medida “suporía prescindir do 21,7 por cento da plantilla”, como medida para mellorar a súa eficiencia logo da adquisición do cable de Auna..
Ono comunicoulle as súas intencións ao comité de empresa e anunciou que nos vindeiros días “determinará a data da convocatoria formal de apertura do período de consultas e da posterior constitución da mesa negociadora”.
Segundo Efe, fontes de CCOO, a quen lles pareceu excesiva a cifra de despidos, “van analizar os argumentos da empresa para levar a cabo este Expediente de Regulación de Emprego (ERE) e ver se hai razóns obxectivas para reducir traballadores”.
Ono conta cunha rede propia de fibra óptica de 45.000 quilómetros na que investiu un total de 8.000 millóns de euros e explicou que o seu obxectivo “é mellorar a eficiencia e a produtividade a través da unificación dos procesos e sistemas para así dotar ao Grupo dunha maior capacidade competitiva”.

PUBLICIDADE