A crise, moderadamente benévola coas telecomunicacións

venres, 3 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Se alguén lle tirase unha foto ás gráficas do sector da telecomunicacións antes da crise podería comprobar que son case as mesmas que arestora, metidos como estamos de cheo na crise. En definitiva, se hai un eido do tecido económico español que non se despeiteara moito nos últimos meses ese é precisamente o das canles dixitais, redes e demais. E iso que os vaivéns foron abondos, e que é máis que sabido que os sectores do empresarial teñen ligazóns que nin imaxinan, e o que lle acontece a un sector oposto ás telecomunicacións pode levalo dereitiño á creba. Pero non é deste xeito, e se cadra é porque o eido do que falamos tira partido dunha cousa que con outros remata: a alza no prezo dos combustibles. Ou sexa, que agora máis que nunca se podemos facer algo polas vías das telecomunicacións denantes que polas vías físicas de asfalto, poderemos e deberemos facelo.
Segundo conta Cibersur facéndose eco de traballos da CMT, durante o primeiro trimestre de 2008, as empresas deste ámbito das novas redes e canles acadaron un volume de negocio de 10.885 millóns de euros. Ou sexa: rexistraron un descenso pequeno (0,5%) respecto ao mesmo período do ano anterior, ao igual que o emprego, que se viu afectado cunha caída do 0,89%.
No mesmo estudo trimestral da CMT achéganse outros datos de interese: os servizos minoristas, que constitúen o 84% do volume total, facturaron 9.147 millóns de euros, cifra equiparable ao do ano anterior, non así a dos servizos maioristas, que baixou un 5,7 os seus ingresos até situarse nos 1.738,3 millóns. Na investigación achéganse datos sobre os eidos da telefonía (a fixa baixou un 1,76 e a móbil un 0,%) e os servizos de tipo audiovisual (cunha cifra de negocio de 1.567,9 millóns e un descenso do 1,6%).
Sen dúbida entre os eidos máis afectados está o das cadeas de televisión, coa RTVE perdendo de gañar unha taxa do 15,8% e Antena 3 unha do 12%.
Polo que respecta ás operadoras de telecomunicacións, dicir que houbo un pouco de todo. Telefónica e Movistar pecharon o devandito prazo con medres do 3,6 e o 0,56%, respectivamente. Pola súa parte, Vodafone e Orange chegaron á fin do treito con caídas do 8,2 e o 5,4%.

PUBLICIDADE