A creatividade dixital dende a óptica das mulleres, ao detalle na Coruña

martes, 9 de abril do 2019 Redacción

A creatividade dixital feminina está a ser o miolo temático das xornadas Mulleres e innovación nas artes intermedia, impulsadas pola Deputación da Coruña a través da Área de Cultura que dirixe Goretti Sanmartín, vicepresidenta da entidade provincial. A cita inclúe obradoiros, mesas redondas e presentacións artísticas arredor da vídeo-poesía, o teatro multimedia, as instalacións interactivas ou a creación dixital. Celébrase esta semana (onte e hoxe) no Teatro Colón e enmárcase no programa A Cultura é un dereito.
As xornadas contan co comisariado de Rosa Sánchez, directora da compañía de danza e teatro Konic e tamén directora do festival Internacional Ecoss, ecosistemas do inesperado, de Barcelona. Sánchez salientou na presentación que se trata “dun programa de xénero, unha fiestra para mostrar o traballo das mulleres que contribúen á cultura da innovación tecnolóxica no marco das medias artes”.
O programa inclúe (entre outras moitas cousas) un obradoiro sobre creación de vídeo poesía conducido por Belén Montero, directora de Versogramas, e un taller de creación dixital impartido pola investigadora e docente, María Castellanos. As xornadas complétanse con instalacións, espectáculos e mesas de debate nas que está previsto que interveñan coñecidas artistas e profesionais como Margarita Ledo, María Ruído, Marta Pérez, Belén Montero ou Sonia Méndez.

PUBLICIDADE