A creación literaria galega collerá impulso extra nas redes sociais

luns, 13 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

A Deputación da Coruña e a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG) veñen de xuntar forzas, novamente, para impulsar a difusión da cultura e poñer especial incidencia no ámbito dixital e das redes sociais. Estamos a falar do acordo acabado de asinar entre o responsábel da área de Cultura da entidade provincial, Xurxo Couto, e o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez.
En termos xenéricos, Couto fixo saber que a Deputación achegará financiamento (38.000) para o programa de difusión e promoción da creación literaria que desenvolve a entidade de escritoras e escritores. Ao abeiro desta colaboración, a entidade provincial apoiará as iniciativas da AELG que vaian destinadas a difundir nas novas canles e plataformas a actualidade do sistema literario e dos contidos da web da asociación, en especial a través das redes sociais e por medio da axenda cultural que se actualiza de continuo.
A formación é tamén outra das liñas de actuación que se inclúen no convenio con actividades como a Escola de Escritoras/es ou as Xornadas de Literatura Dramática, iniciativas que se suman ao mantemento de infraestruturas tecnolóxicas ou a propia asesoría laboral contábel e fiscal da entidade.

PUBLICIDADE