A creación independente galega ten un novo apoio: o colectivo Película Invertida

venres, 11 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

O audiovisual galego conta dende este ano cun novo apoio para o fomento da creatividade sen atrancos, de natureza independente e, sobre todo, apoiándose nas novas ferramentas libres e accesibles ao servizo de tódolos procesos de desenvolvemento e distribución dunha obra. Estamos a falar da Asociación Cultural Audiovisual Película Invertida (ACAPI), que se presenta (logo duns meses amoreando forzas e botando raizames) este 11 de decembro no Café Casino de Santiago (ás 19.00 horas) co obxectivo de compoñer e abranguer unha ampla escolma de profesionais do sector, dende escritores e directores até cámaras, montadores, sonidistas ou eléctricos. A plataforma Película Invertida xorde polo tanto coma unha casa coas portas abertas: a idea ser un pouco como as comunidades internautas de programación aberta, pero aplicado á creación audiovisual. Máis polo miúdo, o que se pretende é achegar unha ferramenta produtiva e un punto de encontro para as e os profesionais do sector na nosa terra.
En palabras de ACAPI, tódalas actividades que se vaian programar compartirán a mesma filosofía: a da unión. “Esta filosofía”, engaden os seus responsables, “tradúcese nun funcionamento asembleario e horizontal, polo cal os membros da asociación poderán sacar do caixón aqueles proxectos que tiñan ancorados por falta de estímulo ou financiamento, e facelos realidade dun xeito moito máis accesible”. Polo que respecta ao nome da asociación (Invertida), o motivo vén dado polo emprego dunha lóxica contraria ao pensamento imperante. Deste xeito, ACAPI xorde para apoiar ideas até o seu desenvolvemento, sen que sexa preciso percorrer “o típico circuíto que rexe o funcionamento do eido audiovisual”, subliñan os responsables.

PUBLICIDADE