A coruñesa Improving Metrics amosará no eShow de Barcelona os seus avances en analítica de datos

xoves, 10 de marzo do 2016 Redacción

O vindeiro salón eShow de Barcelona, que se celebra os días 16 e 17 de marzo, vai ter presenza galega. Máis en detalle, a da empresa Improving Metrics, que segundo nos contan, estará presente entre os relatores (empresas e profesionais de primeira liña internacional do ámbito TIC). Como lembraremos, Improving Metrics é unha empresa con sede na Coruña adicada á recolección, procesamento, explotación e análise de datos sobre o comportamento dos usuarios nos ámbitos dixitais. A firma, polo tanto, é provedora de servizos integrais de analítica e de estratexia dixital. No eShow Barcelona 2016 participará de cheo nas xornadas User Web Analytics afondando na fiabilidade da información obtida a través de implantacións de analística (o que no sector se coñece co acrónimo “QA”).
Improving Metrics xorde en 2011 co obxectivo de “atender un nicho de mercado escasamente explotado até ese intre e coa única intención de satisfacer as necesidades de estratexia, analítica e data mining de todas aquelas empresas interesadas en optimizar os seus recursos”. A empresa apóiase no convencemento firme do potencial da analítica, en palabras dos seus responsábeis “a ferramenta que marcará a diferenza entre as marcas”. Segundo engaden, a súa progresiva integración no ámbito dos negocios é xa “un alicerce fundamental no crecemento económico, sustentábel, eficiente e responsábel de calquera empresa”.
A dia de hoxe a firma coruñesa atópase en “pleno proceso de medre” e isto tradúcese na posta en marcha de “múltiples iniciativas”, moitas delas con capacidade para coñecer en profundidade o que son a analítica e a estratexia dixital, as métricas (a “gran paixón” de Improving Metrics) e as súas posibilidades.

PUBLICIDADE