A cooperativa Cidadanía, nova socia de AGASOL

mércores, 4 de abril do 2012 Raquel Noya

Ana Lorenzo, socia fundadora da Cooperativa Cidadanía

A Asociación de empresas galegas de software libre, AGASOL, vén de sumar un novo socio ás súas filas, que conforma xa o número 28, logo que de nos últimos meses tamén se incorporara á entidade a firma Café de Red.
Desta volta foi a empresa Cidadanía, unha gran comprometida coa responsabilidade social e o compromiso colectivo, a que entrou a formar parte da Asociación AGASOL, que para beneficio de ámbalas dúas, baséase no mesmo espírito de apoio á economía social e sostible, neste caso, á hora de botar man das novas tecnoloxías.
Cidadanía é unha cooperativa fundada en 1999, que dende entón realiza, entre outras cousas, traballos de consultaría pública, investigación social e direccións técnicas baseados na democracia participativa.
As súas accións preferentes veñen desenvolvéndose na dimensión comunitaria e pública da realidade social, tendo na Administración Pública un dos seus principais clientes, a través do deseño e desenvolvemento de iniciativas de economía social, tamén con ONGs, o sector asociativo, movementos sociais…
Dende Cidadanía aseguran que “foi o espírito de apoio á economía social e sostible de AGASOL” o que os levou a solicitar o seu ingreso na Asociación, que foi ratificado polos seus membros, afirman, dando así “un novo pé para seguir camiñando conxuntamente en proxectos nos que se combinan ferramentas TIC, modelos organizativos democráticos e de participación para unha sociedade máis xusta e solidaria con igual acceso ao coñecemento”.

PUBLICIDADE