A constelación Humsat escenificarase e impulsarase dende Pontevedra

xoves, 6 de novembro do 2014 Redacción

Pontevedra será o escenario de probas da constelación Humsat. Así nolo fixeron saber esta semana dende a Universidade de Vigo e o Concello da cidade do Lérez, nunha cita cos medios na que se fixo saber que a segunda das institucións contribuirá con 36.000 euros ao desenvolvemento desta liña estratéxica da UVigo, ou sexa a liña da investigación aeroespacial. No encontro, dando a coñecer os detalles do acordo Concello-Universidade, participaron o reitor Salustiano Mato, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, e o director da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), Francisco Javier Pereiro. Por certo que no convenio fíxase tamén que FEUGA responsabilizarase da coordinación administrativa e de xestión do proxecto, “axudando a reter talento e manter parte do equipo multidisciplinar que constitúe o Agrupamento Aeroespacial da Universidade”.
No que se refire ao eixe arredor do que pivotan estas iniciativas dadas a coñecer, o satélite Humsat-D, lembrar que foi lanzado ao espazo en novembro de 2013 e que se trataba do segundo aparello destas características deseñado pola UVigo. Con el, púxose en marcha unha iniciativa complementaria apoiada pola ONU e a Axencia Especial Europea encamiñada a verificar se unha constelación de pequenos satélites podería posibilitar o impulso das potencialidades do sector en países emerxentes. Liderando esta iniciativa está o devandito Agrupamento Aeroespacial da Universidade que, grazas ao convenio asinado este mércores co Concello de Pontevedra e a FEUGA, poderá comprobar no municipio a capacidade destes aparellos para obter datos do “parámetro que máis demandado a nivel mundial, como é a calidade das augas”, segundo sinalou o seu coordinador, o profesor Fernando Aguado.
O convenio, polo tanto, contribuirá a desenvolver un proxecto independente pero paralelo ao que se iniciou hai un ano co lanzamento do Humsat-D. De feito, segundo sinalou Mato, “existe interese por comprobar se unha rede de nanosatélites ou picosatélites como os que están a desenvolver os investigadores vigueses poderían chegar a cubrir as súas funcións, cun custo de lanzamento e posta en órbita ata cen veces inferior”. Esta previsto que entre sete e nove satélites, que lanzarán ao espazo diferentes universidades, conformen esa “constelación Humsat”, que terá polo tanto en Pontevedra un dos seus campos de probas.

PUBLICIDADE