A consola Wii axuda á recuperación das persoas con dano cerebral

xoves, 17 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

É a consola Wii o peor que lle puído pasar aos fogares que rebordan porcelana chinesa e cristal de Bohemia ou unha ferramenta con importantes solucións no eido médico e da rehabilitación? Para unha parte da profesión médica, quen nolo ía dicir, semella que xa é hora de deixar de vela como un trebello máis de lecer, tal é o seu potencial para achegarlles melloras de calidade de vida a persoas con dano cerebral. A idea: compaxinar diversión e rehabilitación. Esta é o alicerce do traballo dos profesionais do Hospital Aita Menni de Bilbo, máis polo miúdo da súa Unidade de Dano Cerebral. Segundo fai saber a empresa Docor Comunicación facéndose eco de fontes do propio centro hospitalario, este leva xa varios anos empregando a videoconsola para favorecer melloras na calidade de vida dos seus internos, “obténdose bos resultados”.
Os beneficiarios, por desgraza, non son tódolos integrantes deste colectivo, senón, sobre todo, persoas cun grao suficiente de interacción coa contorna, con capacidade de atención e que non amosen rexeitamento cara a estas innovacións. Arestora, explica Eloi Nin, médico rehabilitador deste complexo hospitalario, hai 14 doentes incluídos no dito servizo, xogando á Wii entre media hora e unha hora ao día. No que atinxe aos tipos de xogos usados, son sobre todo os deportes (béisbol, golf, bolos e tenis) dos que máis se tira partido. En contra do que se podería pensar, tendo en conta a natureza da Wii (que nos obriga a desprazarnos e facer exercicio físico para xogar), non se producen lesións entre os participantes, sobre todo porque estas prácticas se levan a cabo baixo a estrita supervisión do persoal fisioterapeuta.
As vantaxes da consola teñen que ver co que pon en xogo de realidade virtual e co seu baixo custe e accesibilidade para todas e todos. Estes feitos, sinala Nin, permite a repetición de exercicios (unha das claves da rehabilitación) e que estes se poidan axustar ás necesidades e progresos do doente. Amais disto, a ferramenta fornece de variabilidade ao proceso de mellora física, que pode durar moito tempo e ser monótono de máis. Tamén incrementa a adherencia ao tratamento, a motivación do usuario e a súa arela de superación, permitindo rexistrar datos do seu progreso e, deste xeito, tentar superar as súas marcas.

PUBLICIDADE