A conselleira de Sanidade visita a ciberaula do novo Hospital Universitario Lucus Augusti

luns, 4 de xuño do 2012 Redacción

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitou hoxe o Hospital Universitario Lucus Augusti, onde acudiu ás instalacións da Ciberaula do centro. Esta Ciberaula forma parte do convenio que a Consellería de Sanidade e a Fundación La Caixa asinaron para instalar diversas Ciberaulas en hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde.
Na actualidade, existen ciberaulas nos Complexos Universitarios da Coruña, Santiago e Ourense, ademais da de Lugo, nas que preto de 4.500 nenos accederon ás súas instalacións ao longo do pasado ano.
A Ciberaula do Lucus Augusti ten ao redor de 70 metros cadrados e dispón de 8 ordenadores e dous portátiles con conexión a Internet, ademais de cámara dixital de fotografías, xogos, e programas educativos, así como espazos para o ocio, a comunicación, a formación e o entretemento dos rapaces hospitalizados. Os pacientes que non se poden desprazar á Ciberaula dispoñen dun kit para usar na súa habitación. A Ciberaula do Hospital Lucus Augusti dispón de voluntarios da Cruz Vermella, tanto de luns a venres como as fins de semana.
A conselleira de Sanidade aproveitou a visita para agradecer aos directivos da Fundación La Caixa a súa colaboración, así como aos voluntarios da Cruz Vermella polo seu compromiso e esforzo para que a hospitalización dos nenos sexa máis agradable.

PUBLICIDADE