A conferencia galega sobre comercio electrónico abre as súas portas en Compostela

xoves, 19 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Presentación do evento no Concello de Santiago, celebrada a finais do mes de marzo

Procurar xeitos e métodos diversos para amosar a potencialidade das actividades empresariais ligadas ás novas tecnoloxías e tirar proveito delas, facendo especial fincapé no mercado dixital, é o gran obxectivo da Conferencia de Comercio Electrónico CONECOM, que se celebra este hoxes 19 de abril en Santiago da man de DobleClic.
A xuntanza, debullada nos días previos ao evento polo seu principal promotor, Xosé Rivera (quen nos lembrou outro dos grandes obxectivos: acabar dunha vez coas eivas galegas en materia de ecommerce), desenvólvese no Pazo de Congresos de Compostela, co apoio do Concello, a Cámara de Comercio e máis a Xunta de Galicia.
CONECOM, case con toda probabilidade a primeira conferencia específica sobre comercio dixital que abrolla da nosa terra, apóiase nunha serie de piares a ter en conta: a difusión das vantaxes de facermos mercado nas novas canles, a reflexión sobre como estas poden fortalecer a nosa competitividade, o aproveitamento do galego como distintivo e vantaxe comunicativa (cómpre pensar nas posibilidades de comunicación que nos abre con Brasil, hoxe en día unha das primeiras potenciais mundiais), e máis a busca da meirande participación posíbel, a nivel innovador, de tódolos nosos sectores.
O evento conta coa presenza do devandito Xosé Rivera, deseñador dixital con experiencia en empresas como Fynet, Simplifica ou DobleClic (que arestora coordina); Álvaro Gómez, programador con traxectoria en importantes proxectos galegos como Acordar, Vieiros, Simplifica ou A Navalla Suíza; Manuel Pan, responsábel de Abertal e de múltiples iniciativas galegas de consultoría TIC, turismo e comercialización na Rede; Fran Suárez, enxeñeiro técnico en Informática e xefe de Proxectos de Pululart; e Luís Míguez, un dos nosos profesionais máis experimentados nas vantaxes do comercio electrónico e impulsor de proxectos como www.24joyas.com e www.12horas.es.

PUBLICIDADE