A conectividade nos cascos históricos galegos, a debate o vindeiro luns da man de AMTEGA
martes, 16 de xullo do 2019
- Rúas do casco histórico de Noia
As
áreas máis antigas das nosas cidades precisan ter as mesmas
condicións de acceso á Rede cás contornas urbanas máis modernas:
é un requirimento indispensábel para fixar poboación e facer as
zonas vellas máis atractivas para a mocidade e para o afianzamento
de novas empresas e novos xeitos de traballar. En base a isto, a
axencia autonómica AMTEGA está a impulsar o primeiro catálogo de
solucións destinadas a facilitar a extensión de fibra óptica
nestas zonas. O
catálogo darase a coñecer o luns 22 no marco da xornada A
conectividade nos cascos históricos.
Será
a partir das 10.30 horas no Museo das Peregrinacións de Santiago de
Compostela. Amais da presentación do catálogo, na cita afondarase
nos atrancos e posíbeis solucións para a habilitación destas
infraestruturas tecnolóxicas nos cascos históricos “contando coa
visión de todos os axentes implicados”.
Baixo
o título O estado actual dos servizos de telecomunicacións nos
cascos históricos, desenvolveranse dúas mesas de debate, a
primeira ofrecerá a Visión de Patrimonio e posíbeis solucións
coa intervención de representantes da organización non
gobernamental, asociada á UNESCO, ICOMOS, do Consorcio de Santiago,
do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, do Colexio Oficial de
Arquitectos de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio.
A
segunda mesa centrarse na Visión dos operadores e do estado
actual coa participación do director-xerente do operador público
autonómico RETEGAL e representantes de Movistar, Vodafone, Orange e
R. Finalmente, pecharse o encontro expoñendo as principais
conclusións da xornada.
O
encontro está dirixido aos profesionais, tanto do ámbito dos
despregues, como operadores, fabricantes de equipos, instaladores,
como a empresarios e profesionais das concellos das áreas de
urbanismo e patrimonio. Os interesados en participar deben
inscribirse antes do 20 de xullo a través da conta de correo
electrónico cascoshistoricos@retegal.gal.
O
documento a presentar
O
documento, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica
de Galicia (AMTEGA), o operador público RETEGAL e a Dirección Xeral
de Patrimonio é, nas súas palabras, “o punto de partida para
darlle resposta á falta dun procedemento estandarizado para o
despregue de fibra óptica en cascos históricos”. Para a
elaboración desta guía partiuse do caso concreto de Santiago de
Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e
cun equipo multidisciplinar, integrado por arquitectos, enxeñeiros
de Telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en
fornecementos de fibra óptica, elaboráronse unha serie de
“propostas viábeis e extrapolábeis a outros conxuntos
históricos”. Entres as solucións que ofrece a guía están o
trazado por cornixa, o soterramento ou o despregue da fibra óptica a
través das redes de saneamento.