A comunidade galega de software libre amosa o seu rexeitamento ao premio concedido a Microsoft

xoves, 26 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

A comunidade galega de usuarios e deseñadores de software libre, que xunto coa Consellería de Innovación está a traballar arreo dende hai anos para crear unha oferta sólida de ferramentas abertas na nosa lingua, vén de recoñecer a súa perplexidade por un recoñecemento, o da Secretaría Xeral de Política Lingüística a Microsoft, que ao seu xuízo supón un desprezo cara ao seus esforzos a prol da dixitalización de Galiza. Amais disto, engaden, o premio en cuestión (que salientaba o compromiso plurilingüe da firma de software privativo) certifica a división do Goberno galego en materia informática e tecnolóxica: por unha banda hai departamentos como a Consellería de Innovación que apostan polo software libre e o valor do traballo voluntario da comunidade e, pola outra, institucións como a Secretaría Xeral (sosteñen) escolleron o camiño de recoñecer o seu oposto.
Para o colectivo galego de software libre (que inclúe a usuarios, programadores e tradutores), o seu malestar con este premio non vén dado co feito de que se lle dea a unha firma privada nin é unha crítica á calidade da tradución, senón (din) que responde á seguinte circunstancia: a que se lle outorgue a unha multinacional que, malia os seus ingresos (obtivo en uns beneficios de 60.700 millóns de dólares, sinalan), non cubriu no orzamentario a totalidade do traballo da tradución do seu software, sendo preciso que as autonomías con lingua propia achegasen o financiamento.
Estas adaptacións dos seus produtos”, sinalan, “foron feitas por mediación dos gobernos locais, en determinados casos con achegas directas ou ben con outro tipo de incentivos, cando xa só en concepto de licenzas de Microsoft está a percibir millóns de euros anualmente destas mesmas administracións gobernamentais”. Do manifesto da comunidade de programadores e usuarios, que aparece xa accesible nas listaxes web de Mancomún, estanse a facer eco medios como Chuza! ou Agnix.org.

PUBLICIDADE