A comunidade do portal GaliciaAberta sitúase nos 261.000 membros

luns, 13 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

A Secretaría Xeral de Emigración vén de facer balance dos froitos obtidos en 2019 polo seu portal GaliciaAberta, plataforma de comunicación das moitas provincias que temos de maneira non oficial alén da nosa terra e punto de encontro para o colectivo de galegas e galegas espallado polo mundo. Segundo fai saber o dito departamento autonómico, o portal incrementou nun 22,5% o seu número de usuarios durante o último ano, ata superar os 261.000 en todo o 2019. Amais, os realizaron preto de 385.000 visitas á devandita páxina web, un 17,5% máis das rexistradas en 2018.
Os contidos máis visitados dentro de GaliciaAberta foron os relativos ás Becas Excelencia Mocidade Exterior (máis de 45.000 visitas), e as diferentes liñas de axuda (máis de 43.600 visitas). Así mesmo, o novo portal Retorna sumou case 40.000 visitas, ofrecendo unha atención 24 horas aos emigrantes galegos e aos seus descendentes na procura de facilitar a volta á casa.
A Arxentina, Estados Unidos, Venezuela, O Uruguai, México, O Brasil, Colombia, O Reino Unido, Suíza, Chile, Perú, Cuba, Alemaña, Ecuador e Francia son os quince países do exterior desde os que máis visitas se realizaron ao portal GaliciaAberta.
As redes sociais que ten a Secretaría Xeral da Emigración “tamén experimentaron un crecemento durante 2019”, explicou a entidade, engadindo que “as contas de GaliciaAberta en Facebook, Twitter e Instagram rozan xa os 30.500 seareiros, o que supón un incremento medio de preto do 20 % no conxunto das plataformas”. No caso de Facebook, son os mozos de entre 25 e 45 anos os que máis empregan esta rede social para estar ao día das novas acerca da colectividade galega, tanto a residente no estranxeiro como a da Galicia territorial e as e os que viven noutras comunidades autónomas diferentes á galega. A Secretaría Xeral engade que os usuarios de Instagram “teñen un perfil moi semellante ao da plataforma Facebook”, conformando o público obxectivo ao que vai especialmente dirixida a Estratexia Retorna 2020.

PUBLICIDADE