A comunidade de innovadores rurais da nosa terra terá web de seu a comezos de ano

xoves, 24 de decembro do 2015 Redacción

A Universidade de Santiago vén de dar azos dende o Campus de Lugo á creación da Rede de Asesoramento e Innovación Rural en Galicia (RAIR), en palabras da USC “a primeira das súas características da nosa terra”. A iniciativa xorde co obxectivo de xuntar asesores rurais, agricultores e PEME rurais, pero tamén outros actores do Sistema de Coñecemento e Innovación Agraria (coñecido como AKIS no plano internacional), tales como o son o persoal da administración e centros de investigación agraria, educadores e formadores, subministradores de inputs agrarios e técnicos e consultores do medio rural, entre outros. O foro de discusión dos impulsores da RAIR será unha páxina web que estará dispoñíbel a mediados do mes vindeiro. O sitio fornecerá ferramentas liña para crear comunidade e fortalecela.
A RAIR, nun plano máis amplo, pretende ser un foro para realizar propostas que permitan “promover a figura do asesor como motor de innovación no desenvolvemento rural, acadar unha comunicación fluída e bidireccional coa administración responsábel de implementar as medidas de asesoramento, e mellorar a calidade do servizo de asesoramento”, sinalaron os seus responsábeis dende o Campus de Lugo, facendo fincapé “no axeitado da súa posta en marcha”, pois o Regulamento Europeo 1305/2013 obriga aos estados membros a establecer un sistema de asesoramento ás explotacións agrarias e PEME rurais e a promover a formación de asesores.
Na cita en Lugo acordouse que o foro principal de discusión será a futura páxina web propia da rede, que se atopa en fase de construción. Custeada pola rede IGSEA, esta nova xanela virtual ficará dispoñíbel, como dixemos, a mediados de xaneiro de 2016. A web disporá de aplicacións en liña que permitirán inscribir novos membros, realizar suxestións e propostas, promover iniciativas, subir novas de actualidade, etc. Crearanse ademais áreas persoais dos membros da rede, e áreas reservadas ás entidades colaboradoras e interesadas en participar nas actividades a RAIR.

PUBLICIDADE