A comunidade de ciberactivistas Avaaz pide axuda para a súa reconstrución

martes, 28 de xullo do 2015 Redacción

A comunidade de ciberactivistas Avaaz vén de comezar unha campaña de recolleita de axudas para “reconstruír Avaaz dende cero” e poñer freo a un fluxo de fallos, eivas e incidencias que, sinalan, non para de medrar e que se materializou, en parte, en cinco apagamentos en só catro meses (os últimos catro meses). Segundo fan saber os seus principais impulsores, o que se pretende é xuntar novos esforzos (doazóns e contribucións profesionais) para evitar que a fronte internauta esmoreza de éxito.
“Cando os nosos enxeñeiros construíron a tecnoloxía de Avaaz por primeira vez, nunca soñamos que chegariamos a ser así de grandes; daquela a listaxe de incidencia política máis grande do mundo por aquel entón non superaba os 3 millóns, pero hoxe esa cifra non é máis que unha mínima porcentaxe dos 42 millóns que somos”, sinalan.
En consecuencia, Avaaz sitúase ante un éxito sen precedentes e un proceso de medre que require, por forza, unha tecnoloxía diferente da orixinal. Segundo contan dende a comunidade, perante esta encrucillada Avaaz pode certamente entrar en crise ou ben tirar proveito deste punto de inflexión para “construír a tecnoloxía máis potente e acaida para o cambio social máis grande dos até o de agora acontecidos”. Iso si, sinalan, fan falta máis expertos para construír a nova plataforma, “unha remodelación moi cara e que precisa de fondos dos que carecemos, e máis se o obxectivo é seguir mantendo o nivel de campañas en marcha para deter o cambio climático e protexer os dereitos humanos”. A comunidade, que para este fin puxo en marcha un novo sistema de doazóns, está arestora a piques de acadar a cifra das cincocentas mil millóns accións en liña. Asemade, tamén procura a contribucións de expertos en informática para contribuír “de maneira remunerada” a materializar “o mellor sistema tecnolóxico posíbel” para Avaaz.

PUBLICIDADE